Ribadavia celebra o 23 e 24 de maio a ‘VI Feira Revive’, chea de creatividade, reciclaxe e consumo consciente

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia volverá ser, a vindeira fin de semana, os días 23 e 24 de maio, punto de encontro para quen entende que consumir tamén é unha forma de posicionarse no mundo. A Igrexa da Madalena acollerá a sexta edición da Feira Revive —de 11,30 a 20,00 horas—, unha cita que ao longo destes anos foi construíndo comunidade arredor da artesanía, a reutilización e a cultura.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Baixo o lema “Supra reciclaxe e consumo consciente do Ribeiro”, participarán 28 artesáns e artesás nunha programación que mestura exposicións, obradoiros, charlas e música nunha proposta aberta a todos os públicos. Mais a Feira Revive é algo máis que un mercado: é un espazo de encontro onde a creatividade se converte en acción, onde o traballo feito a man recupera o seu lugar e onde o respecto polo entorno non é un eslogan senón unha práctica. Cada edición refuerza a idea de que outro modelo de consumo é posible —e desexable— e que a cultura pode ser un motor de cambio real nas comunidades.

Detrás dese proxecto está Carolina Atuesta, artista profesional da modelaxe afincada en Ribadavia, precursora da Desnudoloxía, actriz, bailarina e performista nacida en Bogotá que encontrou nesta comarca o lugar onde arraigar a súa traxectoria creativa. Ela é a organizadora da Feira Revive desde os seus inicios, e a voz que mellor explica o que esta cita representa: “Con inmensa alegría vos anuncio que chega unha nova edición da Feira Revive. Estamos nos preparativos da nosa VI edición. Revive é unha festa, un lugar para conectar en conxunto, para inspirarse, crear, debuxar, bailar e aprender da artesanía; da Arte-Sá consciente e sustentable”.

A programación do sábado 23 arrancará coa apertura da feira e a exposición de arte de Jaime González. Ao longo da xornada desenvolveranse un obradoiro de fundas para libros, a inauguración dunha biblioteca urbana, unha charla sobre o proxecto “Recycling”, un obradoiro de medallas de manifestación persoal e música en directo a cargo de Chemigal.

O domingo 24 abrirá cun encontro de debuxo acompañado de lectura de poemas e música, e continuará cun obradoiro de collage, unha charla da asociación Sogaps e unha xincana téxtil. Kreze porá o peche musical á edición.

O Concello de Ribadavia acompaña e apoia esta iniciativa convencido do seu valor para a vida cultural e económica do municipio. A concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, destacou que a Feira Revive “é un espazo no que conviven artesanía, cultura e conciencia ambiental”, e salientou o seu papel na promoción da participación cidadá e no apoio ao pequeno comercio e aos proxectos creativos. Para Gómez, a feira representa tamén “unha invitación a reflexionar sobre a importancia de consumir dun xeito máis responsable e sostible”, nunha aposta do Concello por ligar cultura e compromiso medioambiental como dúas caras da mesma moeda.

A entrada é libre e gratuíta durante toda a fin de semana.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------