O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinou hoxe co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, co alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, e co rexedor de Xinzo de Limia, Amador Díaz, senllos convenios de colaboración para a mellora das prazas de abastos de ambos municipios, cunha achega autonómica conxunta próxima aos 1,3 M€. No acto no que tamén estivo o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o conselleiro puxo en valor a colaboración interinstitucional que fará posible a modernización destes espazos, dentro do Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes e, máis especificamente, do protocolo asinado coa Deputación para a mellora das prazas de abastos da provincia ourensá.

Así, González salientou que hai tres meses sentáronse as bases da cooperación entre a Xunta e a Deputación de Ourense para impulsar a mellora e modernización das prazas de abastos co fin de potenciar a súa actividade e dinamizar a economía local. Foi a través dun convenio de colaboración que prevía a posterior sinatura dos pertinentes convenios municipais, como os que hoxe se materializan cos concellos do Carballiño e Xinzo de Limia.
Recordando que ambas prazas de abastos contan con diagnoses de situación e usos dos mercados, e cos correspondentes proxectos de reforma de cara á consecución do selo de Mercado Excelente, o titular de Comercio apuntou que os convenios recollen as actuacións que se van levar a cabo e o orzamento necesario, do que a Consellería achegará o 70 %, a Deputación o 20 % e cada un dos concellos o 10 % restante, tal e como quedara establecido no protocolo e como tamén se recolle na folla de ruta autonómica ao efecto.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa banda, Luis Menor destacou que estes convenios representan “un exemplo de colaboración institucional útil e eficaz”, permitindo avanzar na revitalización dos mercados tradicionais e no fortalecemento do comercio de proximidade. Do mesmo xeito, lembrou que a ourensá é a Deputación “que máis convenios de colaboración mantén coa Xunta de Galicia”. O presidente provincial lembrou que estas actuacións dan continuidade ao protocolo de colaboración asinado entre Xunta e Deputación o pasado mes de febreiro para sentar as bases da modernización das prazas de abastos da provincia. “Falamos de espazos que son moito máis ca mercados. Son puntos de encontro, símbolos da identidade das nosas vilas e auténticos motores económicos e sociais”, subliñou Menor, quen incidiu na importancia de adaptar estes equipamentos “aos novos hábitos de consumo, mellorando servizos, accesibilidade, modernización e atractivo comercial”.
Luis Menor puxo en valor que “defender as prazas de abastos é tamén defender o pequeno comercio, apoiar aos produtores locais e contribuír á dinamización económica e social das nosas vilas”. O presidente provincial reiterou ademais o compromiso da Deputación de seguir colaborando cos concellos “para impulsar proxectos transformadores que melloren servizos, xeren oportunidades e reforcen a cohesión territorial da provincia”.
Convenio do Carballiño
No caso do Carballiño, o Consello da Xunta autorizou onte a sinatura deste convenio por un importe superior aos 1,4 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegará algo máis de un millón. A actuación bianual para identificar a praza de abastos carballiñesa coa calidade e o prestixio e potenciar a súa actividade comercial como atractivo de interese turístico permitirá renovar por completo as instalacións aumentando os servizos á clientela e fomentando a modernización e dixitalización, procedéndose este ano coas actuacións previas e coa adquisición dos materiais para garantir a execución das obras en 2027.
Así, tras as derrubas precisas e actuacións en fachada e cuberta, procederase cos traballos de albanelaría, carpintaría, vidraría, fontanaría, electricidade, ventilación ou climatización. Tamén se actuará en pavimentos e revestimentos, incidindo na accesibilidade, na protección contra incendios ou na xestión de residuos.
Campaña “Quere o teu mercado”
O conselleiro destacou que a mellora das prazas se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025–2030, que prevé acadar 10 prazas certificadas como Mercados Excelentes este ano e 25 no 2030. Para reafirmar este compromiso, a Xunta celebrará o 30 de maio a campaña europea “Quere o teu mercado” nas catro provincias e seguirá espallando a iniciativa ‘Prato de Mercado’, a prol das sinerxias coa gastronomía.















