A 42ª MIT Ribadavia acolle “COLAPSO”, un proxecto escénico de Juan Ayala e Miguel Oyarzun coa mocidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A 42ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia acollerá este mes de xullo o proxecto “COLAPSO, ser joven ante los límites del crecimiento”, un laboratorio gratuíto de artes vivas e creación colectiva dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 21 anos que se desenvolverá do 7 ao 18 de xullo en Ribadavia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“COLAPSO” é un proxecto comunitario dirixido por Juan Ayala e Miguel Oyarzun que propón un espazo de creación colectiva no que a mocidade toma protagonismo para reflexionar sobre o futuro do planeta. O laboratorio culminará nunha mostra aberta ao público o sábado 18 de xullo no Auditorio da Casa da Cultura e unha conversa co público, xerando nu espazo de diálogo interxeracional arredor dun dos temas máis urxentes do noso tempo.

Como antesala do proxecto, o próximo martes 26 de maio celebraranse dúas sesións informativas abertas á mocidade interesada no Museo Etnolóxico de Ribadavia, ás 18.00 h e ás 20.00 h. As sesións estarán facilitadas por Iratxe Arrizabalo e Eugeni Mataix, membros da compañía, e as inscricións xa están abertas a través de formulario na web e redes da Mostra. A compañía tamén visitará as aulas do IES O Ribeiro de Ribadavia.

Un laboratorio de artes vivas sobre os límites do crecemento

“COLAPSO” investiga que significa ser xove no contexto actual e como esta xeración se relaciona cun mundo atravesado pola crise ecolóxica e ecosocial. O proxecto aborda cuestións como os límites do crecemento material e económico, a idea de progreso ou a relación da mocidade co planeta e o seu futuro. En palabras da compañía:

“Para unha mocidade que medrou entre estados de alarma, colapsos sanitarios e fenómenos extremos, falar do límite xa non é unha metáfora, senón unha experiencia cotiá. A peza dálle voz a quen está medrando nun mundo no que o futuro se volveu incerto, e faino desde a urxencia, a intelixencia colectiva e a escena compartida. A adolescencia, tradicionalmente asociada ao exceso ou á irracionalidade, revalorízase aquí como un espazo de lucidez e crítica. Quen son realmente os que se exceden? A mocidade… ou un sistema dirixido por adultos que destrúe o noso futuro?”

O laboratorio desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 h a 14.00 h, entre o 7 e o 17 de xullo, e incluirá unha última sesión o sábado 18, día no que terá lugar a presentación pública do proceso ás 19.00 h. Ao longo de dez sesións de traballo, as persoas participantes compartirán un proceso de creación multidisciplinar para construír unha peza común. A iniciativa pretende promover a creación artística e os procesos colaborativos como espazo de pensamento crítico, intercambio e aprendizaxe colectiva, reivindicando o papel da mocidade fronte aos desafíos contemporáneos.

As sesións estarán coordinadas por Juan Ayala (Madrid, 1978) e Miguel Oyarzun (Madrid, 1983). Desde 2010 colaboran en proxectos de teatro, performance e creación comunitaria presentados en espazos como o Teatro Español, o Museo Reina Sofía, Matadero Madrid, o Teatro de la Abadía, o Festival de Almagro, Festival de Olite ou o Teatro Central de Sevilla, entre outros espazos estatais e internacionais.

A participación en “COLAPSO” é gratuíta e non require experiencia previa en teatro. O número de prazas é limitado e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de xuño ou ata completar aforo.

Este programa está organizado pola MIT Ribadavia, coa colaboración da OMIX Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ribadavia e a actuación conta coa subvención do Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral de Dereitos Culturais.

Un retrato xeracional desde a escena

COLAPSO é a terceira pata da ‘Trilogía de la juventud’, un proxecto de investigación escénica encargado polo Museo Reina Sofía e iniciado en 2022 que busca construír un retrato colectivo das xeracións máis novas a partir das súas propias voces e experiencias. Tras SELFI (2022), centrada nas relacións entre mocidade e tecnoloxía, e CAPITAL (2023), que exploraba o seu vínculo coa economía e o traballo, COLAPSO pecha o ciclo arredor da súa relación coa ecoloxía, cunha mirada cara ao planeta, ao futuro e aos límites do progreso.

Inspirada no influente informe ‘Os límites do crecemento’ (1972), coordinado pola científica Donella Meadows, a peza analiza o modelo económico actual e a súa incompatibilidade coa sustentabilidade do planeta. A humanidade vive á marxe dos límites biofísicos da Terra, e serán as xeracións máis novas as que teñan que afrontar as consecuencias dun sistema que se nega a deter a festa do crecemento ilimitado.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------