Os xogos de rol póñense de moda no Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este pasado sábado, a nova asociación Monxes do Tentáculo, nada no Carballiño, impulsou unha xornada moi especial, na que o compostelán Tomás Souto Rendo presentou o seu xogo “El Pacto”, nas instalacións de Bo día Familia.

“Este xogo naceu en xaneiro de 2025 coa idea de crear unha proposta para xogar cos meus amigos, e ao final, despois de meses de ter unha resposta moi boa, decidín comercializalo”, detallou o seu autor. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o proceso creativo que hai detrás do xogo e así poder mergullarse nos roles de ‘leales’, ‘traidores’ ou ‘infiltrados’ e conquerir puntuación nun contexto de bandas mafiosas dos anos 20 do pasado século.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Ademais, tras o éxito das primeiras xornadas lúdicas celebradas na ponte de maio, a entidade inicia unha programación semanal en colaboración co Concello do Carballiño. Así, todos os domingos, a partir das 17,00 horas e no mesmo local Bo día Familia, ubicado no número 34 da rúa Calvo Sotelo, Monxes do Tentáculo convida á poboación a probar novos xogos de mesa, confraternizar e divertirse.

“Coñecemos a bastante xente da contorna interesada en compartir este tipo de afeccións, moitas veces soterradas”, apuntou Diego Touriño, presidente da asociación. As persoas interesadas poden achegarse cos seus propios xogos para probalos, así como participar das propostas da entidade, que irán variando en temáticas e xéneros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------