A Asociación Cultural A Esfarna do Ribeiro organiza o vindeiro domingo 31 de maio unha andaina cultural por Francelos para conmemorar o Día das Letras Galegas, nunha xornada que combinará patrimonio, memoria, natureza e reivindicación da lingua e cultura galegas.
A actividade partirá ás 10.00 horas desde o campo de fútbol de Valboa, en Francelos, e contará cun percorrido de aproximadamente 6 quilómetros, de dificultade baixa, pensado para todos os públicos, incluídas crianzas e mascotas.
Durante a ruta, as persoas participantes percorrerán algunhas das zonas máis emblemáticas da parroquia, coñecendo elementos de grande valor histórico e cultural como a levada ou San Xes, nun achegamento ás raíces e á identidade do noso pobo.
A xornada servirá tamén para render homenaxe a Begoña Caamaño, escritora, xornalista, sindicalista e feminista, figura fundamental da cultura galega contemporánea.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ademais do percorrido, a organización ofrecerá avituallamento durante a actividade e uns pinchos finais no campo de fútbol de Valboa, con empanadas, patacas fritidas, aceitunas, viño e auga.
O prezo da actividade será gratuíto para as persoas socias da asociación e de 5 euros para as non socias.
Desde A Esfarna do Ribeiro animan á veciñanza e á comarca a participar nesta iniciativa: “Convidámoste a celebrar o Día das Letras Galegas camiñando xuntas polo noso territorio, desfrutando dunha xornada de culto á lingua e á cultura galegas”.
As persoas interesadas poden contactar coa asociación a través das mensaxes privadas para resolver calquera dúbida sobre o proceso de inscrición.

















