O PSdeG-PSOE esixe ao tenente de alcalde de Punxín “que asuma as súas responsabilidades” ante a Corporación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia a ausencia “reiterada” do tenente de alcalde dos plenos ordinarios municipais, unha actitude que as e os socialistas consideran “unha falta de respecto á institución, á oposición e á veciñanza” e que impide exercer con normalidade a labor de control e fiscalización da acción de goberno. Desde o Grupo Municipal Socialista critican que o tenente de alcalde, Eladio Fernández, manteña unha intensa actividade mediática anunciando proxectos e iniciativas para o municipio mentres evita comparecer nos plenos para dar explicacións sobre o contido, a situación real ou a viabilidade desas actuacións.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Resulta difícil non pensar que estamos ante unha estratexia deliberada para escapar das preguntas incómodas e evitar dar conta dunha longa lista de anuncios que, a día de hoxe, seguen sen materializarse e sen chegar aos órganos municipais correspondentes”, sinala a voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O PSdeG lembra que moitos dos proxectos presentados publicamente polo tenente de alcalde continúan sen pasar polo pleno municipal nin ser explicados aos grupos da oposición, que descoñecen cuestións básicas como o seu estado de tramitación, os informes existentes, o financiamento previsto ou os prazos reais de execución. Para as e os socialistas, esta forma de actuar evidencia unha preocupante falta de transparencia e unha concepción da política baseada máis na propaganda e nos titulares que na rendición de contas e na xestión responsable.

“O tenente de alcalde parece sentirse máis cómodo diante dun micrófono que diante dos representantes da corporación municipal. Anuncia proxectos na prensa, pero desaparece cando chega o momento de responder preguntas e dar explicacións”, afirma a voceira socialista. Desde o PSdeG advirten de que os veciños e veciñas de Punxín merecen algo máis que promesas e fotografías. “Merecen saber que hai detrás de cada anuncio e por que tantos deses proxectos continúan sendo simples titulares sen tradución na realidade municipal”, engade Peleteiro.

Por todo iso, o Grupo Socialista esixe ao tenente de alcalde que abandone esta actitude, asuma as súas responsabilidades institucionais e acuda aos plenos ordinarios para responder sobre a súa xestión e sobre os numerosos proxectos que leva meses vendendo publicamente sen que, polo momento, exista constancia do seu avance real. Para o PSdeG, a democracia municipal non pode funcionar a golpe de nota de prensa. A transparencia e a rendición de contas esixen dar a cara onde corresponde: no pleno do Concello.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------