Ribadavia recibe a estudantes e profesorado internacional nun programa europeo de estudo do enoturismo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia acolleu este mércores unha xornada do programa internacional Wine Tourism Management: Innovation and Sustainability: From Winemaking Tradition to the Customer Experience, unha iniciativa académica impulsada pola Universidade de Vigo que reúne alumnado e profesorado de distintos países europeos arredor do estudo do enoturismo e a súa contribución ao desenvolvemento territorial.

O grupo participante está integrado por estudantes e profesorado vinculados ao programa internacional Wine Tourism Management, impulsado pola Universidade de Vigo e desenvolvido en colaboración con distintas institucións académicas europeas. Durante a súa estancia en Ribadavia, os asistentes desenvolven unha intensa xornada formativa que inclúe actividades na Igrexa da Madalena, a Cooperativa Ribeiro, o Mosteiro de San Clodio, o Museo do Viño de Galicia e a adega Cuñas Davia.

Ao longo da mañá, a Igrexa da Madalena acolleu diversas ponencias sobre o desenvolvemento de produtos turísticos vinculados ao viño, o control de xestión nas adegas e a relación histórica de Ribadavia co enoturismo. A programación completouse con visitas técnicas a entidades e espazos de referencia do Ribeiro que permitiron aos participantes achegarse á realidade do sector desde unha perspectiva práctica.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A xornada permitiu que os participantes coñecesen de primeira man algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais e vitivinícolas de Ribadavia e da Denominación de Orixe Ribeiro, consolidando a posición da vila como un dos destinos de referencia para o turismo vinculado ao viño en Galicia.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a importancia de que a localidade forme parte deste tipo de iniciativas internacionais. “É unha satisfacción que Ribadavia sexa elixida como escenario para un programa europeo destas características, porque nos permite mostrar ao mundo o noso patrimonio, a nosa cultura do viño e o traballo que se realiza no territorio para converter o Ribeiro nun destino turístico de calidade”, sinalou.

Fernández engadiu que “o enoturismo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento económico e a dinamización do rural, e encontros como este contribúen a reforzar a proxección internacional de Ribadavia e do Ribeiro”.

A presenza de alumnado, investigadores e profesionais procedentes de diferentes institucións europeas supón unha oportunidade para intercambiar coñecementos e experiencias arredor dun sector estratéxico para a comarca, ao tempo que permite dar a coñecer os recursos turísticos, culturais e enogastronómicos que distinguen a Ribadavia como capital histórica do Ribeiro.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------