O pleno solicitado por Espazo Común sobre a suba dos recibos da auga terá lugar ás 9,00 do vindeiro luns

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde accidental do Carballiño, José Castro-Gil, convocou para as 9,00 horas do vindeiro luns, 6 de xullo, a sesión extraordinaria da Corporación Municipal que foi solicitada por Espazo Común para debatir sobre a suba indiscriminada dos recibos polo consumo de auga nos domicilios, un debate que foi rexeitado polo equipo de goberno no pleno ordinario de xuño tras ser proposto por iste grupo da oposición pola vía de urxencia.

Unha convocatoria que, según Espazo Común, foi decidida “de xeito unilateral” polo goberno municipal, nun “día e hora coa que, evidentemente, pretenden provocar a menor presenza posible de veciños no salón de plenos”, tendo en conta “a fonda indignación cidadá provocada pola brutal e inxustificable suba do prezo da auga que pagan fogares e empresas”.

A este respecto, critican o “modus operandi” de PSdeG-PSOE e Partido Popular: “facer por pechar en falso os debates que preocupan na rúa e fuxir de dar explicacións e tentar enredar con outros anuncios de fantasías que nunca serán reais”. E entenden que, “desta volta, o pobo pide explicacións serias e claras das causas polas que, en moitos casos, pasaron a sufrir incrementos de máis do 100 % nos recibos a pagar polo servizo de augas”, mentres lembran que a sesión extrordinaria da Corporación “é aberta á cidadanía, polo que calquera veciño pode achegarse aínda sendo o luns ás 9 da mañá”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------