Aparece morto un veciño de Ourense de 50 anos no río Arenteiro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O cadáver dun home de 50 anos, veciño de Ourense, foi localizado esta mañá, sobre as 10:30 horas, flotando no río Arenteiro ao seu paso polo Paseo dos Patos, no Carballiño.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O corpo foi achado xunto a varios útiles de pesca e non presentaba signos aparentes de violencia. Será a autopsia, que se lle practicará no Hospital Universitario de Ourense, a que determine as causas exactas do falecemento.

O aviso deuse ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (112), que mobilizou un amplo operativo no que participaron Bombeiros do Carballiño-O Ribeiro, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o médico forense e a funeraria xudicial. Os sanitarios só puideron confirmar o falecemento.

Unha vez realizadas as dilixencias xudiciais e a inspección ocular, os bombeiros procederon ao rescate do cadáver. A Garda Civil fíxose cargo da investigación.

Pola agora, descoñécense as circunstancias concretas da morte, xa que non se aprecian indicios de violencia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------