O Concello do Carballiño lembra á veciñanza as normas de uso responsable do Parque Municipal

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Medio Ambiente e Termalismo, vén de publicar un bando no que insiste na necesidade de coidar e facer un uso responsable do Parque Municipal, un dos espazos públicos máis emblemáticos e utilizados da vila.

O goberno local recorda que a organización de festas, celebracións, reunións numerosas ou calquera outro tipo de actividade no recinto deberá ser comunicada previamente ao Concello. Esta comunicación permite coordinar adecuadamente o uso do espazo, evitar coincidencias entre distintas actividades e facilitar a actuación dos servizos municipais cando sexa necesario. Ademais, no caso de producirse danos no mobiliario, nas zonas verdes ou nas instalacións, esta canle de aviso previo permite determinar as responsabilidades correspondentes.

O bando fai fincapé tamén na prohibición de acceso de vehículos ao interior do parque, unha limitación xa existente que se reforzou recentemente coa instalación de bolardos nos accesos. O Concello solicita á cidadanía que respecte esta restrición —salvo nos casos expresamente autorizados polo Concello ou por razóns de emerxencia ou de servizos públicos— e que non retire nin manipule os elementos de protección instalados.

Por último, o goberno local lembra que segue plenamente vixente a Ordenanza de Boas Prácticas Veciñais e Seguranza Cidadá do Concello do Carballiño, publicada no BOP de Ourense o 12 de xuño de 2012, que recolle os dereitos e deberes da veciñanza no uso dos espazos públicos. Entre outras obrigas, a normativa establece o deber de respectar as normas de utilización do mobiliario urbano, manter limpas as zonas comúns, evitar accións que deterioren parques e instalacións municipais, respectar o descanso e a convivencia veciñal, recoller os excrementos dos animais de compañía e colaborar na conservación dos bens públicos comunicando calquera incidencia. A ordenanza establece ademais que as persoas organizadoras de actos públicos, culturais, deportivos ou festivos son responsables de velar polo correcto uso dos espazos durante a celebración das súas actividades.

Dende o Concello do Carballiño agradécese a colaboración da veciñanza para manter o Parque Municipal nas mellores condicións posibles e seguir facendo del un espazo seguro, agradable e accesible para todas as persoas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------