A carballiñesa Teresa Táboas, nova secretaria xeral da Unión Internacional de Arquitectos (UIA)

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A arquitecta carballiñesa asume o cargo para o mandato 2026-2029 tras ser ratificada na Asemblea Xeral celebrada en Barcelona

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A arquitecta galega Teresa Táboas Veleiro foi nomeada secretaria xeral da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) para o mandato 2026-2029, nun nomeamento que supón un fito histórico ao converterse na primeira muller galega e española en ocupar este cargo, e na segunda muller na historia da organización en asumir esta responsabilidade.

O nomeamento foi ratificado durante a Asemblea Xeral da UIA, celebrada en Barcelona no marco do Congreso Mundial de Arquitectura 2026. Táboas, que ata agora exercía como vicepresidenta da organización pola Rexión I-Europa, formará parte do máximo órgano de dirección da UIA xunto ao novo presidente, o arquitecto chinés Zhang Li, e ao mexicano Marco Antonio Vergara Vázquez como tesoureiro.

“Asumo con gran honra como galega”

Tras coñecerse a súa designación, Táboas manifestou: “Asumo con gran honra como galega a secretaría da maior organización mundial dos profesionais da arquitectura”. A arquitecta destacou que se trata dun posto “de gran importancia e responsabilidade” desde o que coordinará as distintas comisións de traballo da institución. “Creo nas organizacións para a defensa da profesión, que serven como altavoces para achegar novas ideas e trasladalas á sociedade”, engadiu.

Foto; Nós Diario

Vivenda, clima e novas tecnoloxías, os grandes retos

Durante o seu mandato, Teresa Táboas terá que afrontar algúns dos principais desafíos globais relacionados coa arquitectura e o urbanismo:

  • Acceso á vivenda, que considera “un dereito irrenunciable” e un ámbito no que arquitectos e arquitectas deben reclamar políticas públicas que garantan solucións habitacionais para toda a cidadanía.
  • Emerxencia climática, sinalando a necesidade de que a arquitectura teña un papel activo e que os procesos de planificación urbana incorporen criterios de sostibilidade e adaptación ao cambio climático.
  • Novas tecnoloxías, coa incorporación da intelixencia artificial ao desenvolvemento urbano e á práctica arquitectónica.
Foto: Diario de Pontevedra

Proxectos de futuro

Entre os proxectos previstos para o mandato 2026-2029 figuran a organización do Foro de Regeneración Urbana e Novas Tecnoloxías en Mumbai (India) en 2027, un encontro impulsado por un grupo de traballo liderado por Táboas. Ademais, a cidade de Río de Janeiro (Brasil) foi presentada como candidata a Capital Mundial do Turismo Sostible 2028, unha iniciativa que permitirá abordar solucións arquitectónicas e urbanísticas fronte aos efectos do turismo masivo. O mandato culminará en 2029 coa celebración do Congreso Mundial de Arquitectura da UIA en Beijing (China).

Unha traxectoria ligada á arquitectura galega

Teresa Táboas, nada en Cidade de México en 1961 e filla de emigrantes do Carballiño, é doutora en Arquitectura. Desenvolve a súa actividade profesional desde o seu estudo en Pontevedra, fundado en 1990. Foi a primeira muller elixida decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en 2003 e ocupou a Consellería de Vivenda da Xunta durante o bipartito.

O COAG celebrou o nomeamento como “un respaldo á arquitectura galega” a través do recoñecemento dunha persoa “do prestixio” de Táboas.


Máis información:


PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------