O casco histórico da vila do Arenteiro volta a acoller esta semana unha nova edición de ‘Flores de Cine’ con tres proxeccións ao aire libre e pola noite, organizadas por Cine Club Carballiño e con asistencia de balde ata completar o aforo.
A primeira sesión terá lugar mañá, martes 14, coa proxección de “Naves misteriosas”, unha película norteamericana de ciencia ficción protagonizada por Bruce Dern e cuns efectos especiais realmente sorprendentes. Esta primeira cita co cinema internacional retrasarase ata ás 23,00 horas debido á retransmisión do partido de fútbol entre España e Francia.
O mércores, día 15, e co horario habitual das 22,30 horas, Cine Club ofrecerá “Decorado”, de Alberto Vázquez, premio Goya ña mellor película de animación. E o programa de ‘Flores de Cine’ pecharase, tamén ás 22,30 horas, coa película chilena “La misteriosa mirada del flamenco”, recente estrea e unha das grandes e gratas sorpresas da tempada.

















