O Carballiño conta xa co seu primeiro punto de intercambio de libros, unha nova iniciativa municipal destinada a fomentar a lectura e a facilitar que a veciñanza e as persoas que visitan a vila poidan compartir libros de maneira gratuíta. O novo espazo está situado ao carón da área recreativa e o xardín aromático, na contorna da piscifactoría do Carballiño, no límite do Parque Municipal
O punto de lectura e intercambio foi bautizado co nome de “Bowie”, en homenaxe ao can do gardarríos que colaborou activamente na posta en marcha desta iniciativa. O proxecto conta tamén coa colaboración da Concellería de Educación do Concello do Carballiño, sumando así as vertentes cultural, educativa e medioambiental nunha proposta aberta a toda a cidadanía.
O funcionamento de “Bowie” é sinxelo: calquera persoa pode achegarse, coller un libro que sexa do seu interese e deixar outro exemplar para que poida ser desfrutado por novos lectores e lectoras. Tamén se pode recoller un libro e desfrutalo na paraxe natural do Parque Municipal e devolvelo á casiña antes de marchar. Deste xeito, búscase favorecer a circulación dos libros, prolongar a súa vida útil e crear un novo espazo de encontro arredor da lectura nunha das zonas verdes máis emblemáticas da vila.
A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Torres, destacou o carácter aberto e participativo da iniciativa. “Queremos que este punto se converta nun pequeno lugar de encontro no corazón do Parque Municipal, no que os libros poidan pasar dunhas mans a outras e seguir xerando historias, coñecemento e momentos de lecer”, sinalou.
Torres incidiu tamén na relación do proxecto cos valores da sustentabilidade e da reutilización. “Compartir un libro é tamén unha maneira de aproveitar mellor os recursos que xa temos. Cun xesto moi sinxelo podemos unir lectura, educación, convivencia e respecto polo medio ambiente”, explicou.
A responsable municipal agradeceu especialmente a implicación das persoas e departamentos que fixeron posible a posta en marcha deste novo punto. “Esta iniciativa nace da colaboración e queremos que continúe medrando grazas á participación da veciñanza. Agardamos que a xente faga seu este espazo, o coide e contribúa a mantelo vivo deixando e levando libros”, engadiu Elvira Torres.
Desde o Concello do Carballiño anímase á cidadanía a facer uso deste novo recurso de maneira responsable, depositando libros en bo estado e contribuíndo así a que “Bowie” se consolide como un novo recuncho dedicado á cultura, á lectura e á convivencia dentro do Parque Municipal.
















