A policía autonómica esclarece un incendio no concello de Maside

No que vai de ano foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 27 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Publicidade

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Ourense esclareceron un incendio rexistrado no concello ourensán de Maside.

Os axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica de Ourense  procederon a tomar declaración a un varón, investigado como presunto autor dun incendio forestal ocorrido o pasado 10 de xuño, na parroquia de Lago,  concello de Maside, afectando 0,6 hectáreas de superficie arborada.

O incendio orixinouse cando o investigado realizaba unha queima de restos forestais sen tomar as medidas de precaución necesarias, o que provocou que o lume se propagara ás fincas lindeiras con abundante maleza.

Na súa extinción participaron dous axentes forestais, tres brigadas e tres motobombas. As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda do Carballiño.

No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 27 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.