Cenlle e Arnoia beneficianse da liña de axudas de mellora de infraestruturas culturais

Anxo M. Lorenzo destaca a contribución da Xunta por descentralizar a actividade cultural coa mellora dos equipamentos e instalacións do rural

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo,  e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitan a biblioteca de Cenlle, unha das beneficiarias da liña de axudas de mellora de infraestruturas culturais
  • Estas subvencións inxectan este ano preto de 70.000 euros na provincia, nos concellos de Cenlle, Arnoia, Bande, Parada do Sil, Baños de Molgas e Pereiro de Aguiar

.- O secretario de xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe a biblioteca municipal de Cenlle, unha das 40 beneficiarias da orde de axudas da Xunta para mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades culturais para a que se destinan 500.000 euros en toda Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase dunha iniciativa que o Goberno autonómico leva anos convocando para “descentralizar a actividade cultural a través da mellora dos equipamentos dos distintos concellos galegos e constatamos que así o estamos a acadar”, indicou. Neste sentido, referiuse a que só este ano, e ao abeiro destas axudas, a Xunta inxecta preto de 70.000 euros a mellorar equipamentos culturais da provincia de Ourense aos que, ademais de Cenlle, súmanse Arnoia, Bande, Parada do Sil, Baños de Molgas e Pereiro de Aguiar.

“Con este apoio económico estamos a contribuír a que os concellos se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións e contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan realizar as actividades culturais e garantir o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

En concreto, no caso de Cenlle a Xunta contribúe a mellorar a súa biblioteca. Nestes momentos, o Concello está a dar un servizo máis eficaz aos veciños, para o que o ano pasado construíu un centro máis moderno tecnoloxicamente. Coa axuda concedida, de preto de 20.000 euros, dotarase á Biblioteca co equipamento necesario para a posta en funcionamento deste espazo. A proposta inclúe unha zona de recepción e atención ao público así como dotar de mobiliario para libros, mesas de consulta, cadeiras e equipamentos específicos para a zona infantil.