O Inorde promove o marketing dixital no sector vitivinícola

Co obxectivo de potenciar a dixitalización no ámbito do sector vitinícola na fase de promoción e comercialización, o Inorde promove unha actividade formativa e outra de promoción, que se integrarán dentro do programa da IX edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade “Vinis Terrae”, previsto durante o mes de xuño próximo.

Publicidade

Estas actuacións execútanse no marco do proxecto Red Agriconect 4.0, do que o Inorde é socio, e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España – Portugal (POCTEP) 2014 – 2020. O obxectivo desta iniciativa é impulsar a dixitalización das empresas agroindustriais da provicina ofrecendo formación gratuíta para xestores e técnicos.

Masterclass

Por un lado, o Inorde organizará dentro do programa de “Ourense Vinis Terrae” unha Masterclass a cargo dunha prescriptora de referencia internacional como é Sarah Jane Evans, Master of Wine. Trátase de xerar unha boa práctica sobre a promoción das variedades autóctonas empregando ferramentas de comunicación dixital, enfocada ademais á internacionalización e a promover o coñecemento das nosas variedades autóctonas en mercados de interese. Esta escritora e xornalista, dirixirá unha cata en directo destinada a potenciais importadores procedentes de 24 países, e centrarase na variedade de uva “Mencía” nas Denominacións de Orixe Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

A xornada terá lugar o 9 de xuño, ás 16.00 horas. Os interesados en participar deben inscribirse como visitantes profesionais a través da web vinisterrae.es.

Sarah Jane Evans, Master of Wine, é unha das máis prestixiosas xornalistas especializada en viños do mundo. É copresidenta dos Decanter World Wine Awards. Gañadora do premio Robert Mondavi Winery Award. Educadora certificada de Sherry, como escritora e consultora conta entre outras coa publicación ‘Los vinos del norte de España’. Pasou unha década como editora asociada da revista Good Food da BBC e ten un gran interese en alentar aos consumidores a desenvolver a súa propia confianza na degustación.

Xornada Formativa

Por outra lado, está programada unha xornada formativa destinada a adegas e produtores de viño sobre comercialización a través de canles dixitais a cargo do relator Javier de Blanco, experto en Comercio Exterior e Comercialización. Esta actividade, que se desenvolverá nun formato híbrido, está dirixida ao conxunto das adegas da provincia e se integrará en “Ourense Vinis Terrae”.

O obxectivo desta xornada é trasladar aos asistentes os beneficios de deseñar unha estratexia de marketing dixital, abordar as diferentes ferramentas dispoñibles (Redes Sociais, Vídeos, Web…), afondar nas especificidades para a industria do viño, e analizar a diversificación de canles comerciais.

A xornada celebrarase durante a mañá do 16 de xuño desde ás 10.00 horas e as inscricións poden realizarse a través da web vinisterrae.es ou do correo electrónico info@vinisterrae.es.

Estas actuacións complementaranse con outras que está a definir o Inorde para formar tamén na implementación de dixitalización en campo e contribuír así á transformación competitiva do sector que afronta retos importantes como a adaptación ao cambio climático e incrementar a competitividade no mercado global.