Sandiás pon o punto final ao Campamento Concilia 2026, tras once semanas cheas de vida nas que os nenos e nenas gozaron, aprenderon, riron, xogaron, desenvolveron a súa creatividade e fixeron grandes amizades. E así, case sen darnos conta, chegou o final dun campamento que tivo como obxectivos favorecer a conciliación familiar, promover unha vida saudable e posibilitar a aprendizaxe dun lecer activo.
Desde a organización faise un agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta iniciativa, así como a todos/as os nenos/as e ás súas familias por confiar no labor socioeducativo. O agradecemento esténdese tamén a Atelier Social e ao equipo de animadores, coordinado por Tania, polo traballo profesional, a paciencia e a creatividade e ilusión que puxeron para que os nenos e nenas desfrutasen ao máximo. E, sobre todo, as palabras de agradecemento van dirixidas aos grandes protagonistas do campamento: os nenos e nenas, «por encher o campamento de vida e aventuras que quedarán para sempre no recordo das vidas co paso do tempo».
O Campamento Concilia 2026 foi un programa didáctico de múltiples actividades de tempo libre e de promoción cultural, destinado á poboación infantil e xuvenil durante dous meses de verán, coa finalidade de favorecer a conciliación familiar, unha vida saudable e posibilitar a aprendizaxe dun lecer activo. A organización das actividades, cada día da semana, xirou arredor dunha ampla variedade de temáticas e propostas. Entre elas estiveron as actividades de acollida, xogos de distensión, coreografías, xogos populares, escape room, excursións, contacontos, actividades relacionadas co consumo responsable, manualidades, globoflexia, piscina, malabares, karaoke, xogos cooperativos, música e baile e actividades de despedida, entre outras.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Para pechar esta edición, quedan tamén os recordos das últimas actividades e da festa final do campamento. Entre os momentos máis destacados estiveron a Yincana polo pobo, desfile concurso de disfraces, bingo da natureza, deslizadera, trenzas divertidas, furor, cinema, marcapáginas de flores, estoxos creativos, dinámica Mario Bros, as Camisetas Tye die, Diver Jum Santiago, a festa da escuma e festa final. Outro ano máis, o Campamento Concilia permitiu gozar de xogos, inchables e comida para pequenos e non tan pequenos, poñendo o broche final a unhas semanas nas que a diversión, a aprendizaxe e a convivencia foron as grandes protagonistas.
Agora só queda dicir: ata a próxima e feliz volta ao cole!!


















