COGAMI celebra a aprobación definitiva no Congreso dos Deputados da reforma das leis de discapacidade e dependencia, que supón un avance no recoñecemento de dereitos, a autonomía persoal, a vida independente e a accesibilidade universal. “Esta aprobación supón un fito importante para todo o sector social”, sinala o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga. Destaca os avances realizados en materia de discapacidade que valora como “un beneficio para toda a sociedade no presente e futuro”.
Entre os avances que destaca COGAMI con esta reforma figuran a eliminación de incompatibilidades entre prestacións e servizos do SAAD (Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia), a ampliación do catálogo de servizos, o impulso de novos modelos de apoio á vida independente, o recoñecemento da teleasistencia como dereito, a incorporación de produtos de apoio mediante préstamo ou cesión temporal e o reforzo da accesibilidade universal.
A mellora na modificación da Lei de Propiedade Horizontal suporá un avance na accesibilidade nos edificios de vivendas, aínda que dende COGAMI, “non acada a solución que as entidades vimos reclamando”, apunta Queiruga. As entidades representativas da discapacidade defendemos que sexan asumidas polas comunidades propietarias as actuacións necesarias nos elementos comúns para garantir a accesibilidade e acompañadas coas axudas públicas. As medidas son urxentes, hai que lembrar que son 100.000 persoas as que viven confinadas nos seus domicilios por falta de accesibilidade.
COGAMI reclama a necesidade de avanzar nunha fiscalidade que teña en conta o sobrecusto da discapacidade, sendo necesario aplicar un IVE reducido do 4 % aos produtos e servizos necesarios para a autonomía persoal das persoas con discapacidade e en situación de dependencia. Esta medida, foi trasladada durante a tramitación parlamentaria pero non chegou a debaterse no Congreso tras xustificar o seu veto por supoñer un impacto orzamentario estimado de 144 millóns de euros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Así mesmo, o movemento asociativo da discapacidade continuará reclamando a extensión dos beneficios fiscais asociados ao recoñecemento oficial dun grao de discapacidade do 33 % ás persoas en situación de dependencia, co obxectivo de avanzar cara a unha protección económica e social acorde coas súas necesidades de apoio.
“Agora o reto é converter estes avances lexislativos en melloras reais nas persoas canto antes, para iso é necesario contar con recursos suficientes”, subliña o Presidente de COGAMI.


















