O Psdeg de Ourense logra o apoio unánime do pleno para impulsar que Ourense sexa a sede da futura axencia espacial española co compromiso financieiro do concello

O PP votou en contra da moción socialista para condenar a decisión da Xunta de non apostar por Ourense como sede da AESIA, “situando novamente os intereses do seu partido por riba dos da cidade”

O Concello de Ourense comprometeuse a cofinanciar cun millón de euros a creación da futura sede da Axencia Espacial Española e a adopción de medidas de apoio ao persoal trasladado

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 4 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de lograr o apoio unánime do pleno para impulsar que a cidade acolla a nova Axencia Espacial Española (AEE) co acordo do Concello, que se comprometeu a cofinanciar cun millón de euros a creación da futura sede da AEE e a adopción de medidas destinadas a apoiar o traslado do persoal. O conxunto dos grupos do pleno votaron favorablemente a urxencia e adopción da proposta da alcaldía para aprobar a presentación da candidatura e tamén a moción socialista que deu lugar á posta en marcha da iniciativa.

A respecto da moción, o voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, destacou que “temos a obriga de loitar ata o último alento polo que Ourense merece” e engadiu que “entendemos que hai posibilidades de conseguir a Axencia Espacial Española para Ourense porque somos un enclave estratéxico”. Así as cousas instou aos grupos a “non pór trabas”, lembrando que “todos nos debemos a esta cidade”.

Villarino tamén lembrou que o PSdeG-PSOE de Ourense vén de participar nun encontro con representantes do sector da investigación xunto coa Ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, onde os socialistas aproveitaron para trasladarlle de primeira man á titular da carteira de Ciencia a “oportunidade histórica” que suporía para Ourense albergar a futura sede da Axencia Espacial Española (AEE).

“Nós non imos prexulgar se algo vai saír ben ou mal”, advertiu o voceiro socialista en relación ás opcións de Ourense de ser finalmente escollida como sede da futura Axencia Espacial, ao tempo que instou á corporación a “facer todo o posible para levar adiante esta candidatura, ofrecendo os recursos técnicos do Concello para que se materialice satisfactoriamente”.

Así mesmo, o socialista fixo fincapé en que, unha vez máis, a cidade cumpre cos requisitos necesarios para acoller esta nova sede, entre eles, ter o grao de Enxeñaría Aeronáutica, ademais dun tecido empresarial afín á natureza do organismo, con empresas coma Egatel, Coasa ou LaddesWorks.

“Ourense é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos, de formación e despoboamento” inciden os socialistas, ao tempo que reivindican que “mentres na Deputación se aledan de que A Coruña leve a AESIA, nós aledámonos de que Ourense poida acoller a AEE”.

O PP prégase ás decisións da Xunta

O grupo municipal do PP votou en contra de condenar a “inaudita aldraxe” da Xunta con Ourense trala decisión do goberno autonómico de non apostar pola cidade como sede da AESIA, un feito que amosa como os populares “sitúan novamente os intereses do seu partido por riba dos da cidade”, entenden dende o grupo socialista.

Ademais, destacan tamén que “os e as ourensás non podemos quedar á marxe do proceso de descentralización e desconcentración iniciado polo Goberno de España por mor da deslealdade da Xunta de Galicia coa nosa cidade e a incapacidade do PP local para priorizar os intereses da veciñanza de Ourense”.

“Nós imos apoiar que o Concello de Ourense siga adiante coa candidatura para que Ourense acolla a sede da AESIA; non temos nada en contra da Coruña, pero estamos aquí para defender esta terra: non un partido nin unha institución, debémonos a esta cidade”, resumiu Villarino.