As rúas e prazas do Carballiño encheranse dos sons dos diferentes solistas e grupos de canto e dos danzantes que participarán nunha nova edición da ‘Fo-liada’, organizada pola Agrupación Cultural Avantar e que terá lugar o vindeiro sábado, despois de ser adiada en maio debido ás inclemencias meteorolóxicas. Asemade, haberá unha lembranza especial para Víctor Vázquez Gulías, artífice desta iniciativa e doutras promovidas por esta entidade carballiñesa con máis de 50 anos de andaina.
A presentación do evento desenvolveuse hoxe na Casa do Concello, coa presenza de Darío Rodríguez e Nani Blanco, da A.C. Avantar, e do concelleiro de Cultura, Diego Fernández. O edil convidou a toda a veciñanza e visitantes da vila “a que se acheguen e desfruten da música tradicional galega na tarde e noite do vindeiro sábado”.
Darío Rodríguez, avanzou a participación na foliada de agrupacións procedentes de Lugo e Pontevedra, coma o Saviñao e Ponte Caldelas, e tamén da comarca carballiñesa, coma é o caso da Banda de Gaitas de Danzas do Irixo, que tamén vén de cumplir as súas vodas de ouro. “Unha actividade que é totalmente libre e participativa, só basta con traer un instrumento e gañas de bailar e pasalo ben”, engadíu o directivo de Avantar.
Unha cita que comezará ás 20,30 horas con saída dende O Pendello para percorrer diferentes establecementos hostaleiros como Bar Paco, Bar Gelo ou A Comarca para rematar na Bodega de Flores. Pero todo elo cunha sorpresa previa, a actuación do grupo Afroliada, ás 19,30 horas, na Praza Maior. Un grupo folclórico do Porto do Son que trae unha mestura de sons africanos e galegos ao traverso da percusión.
Pola súa banda, Nani Blanco adiantou algunhas das actividades que levará a cabo a A.C. Avantar nos vindeiros meses, como o Club de Lectura, a entrega do Premio O Corcheiro e a celebración dunha nova edición de ‘Tasca e Literatura’.

















