O delegado da Xunta participou na presentación de ‘Termatalia, 24ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar’ e do ‘VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde’
- O delegado da Xunta explicou que esta cita que ten como finalidade ofrecer unha visión global do sector e potenciar o mercado estratéxico do turismo termal a nivel internacional
- Tamén lembrou que o Goberno galego elaborou o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 para de consolidar a nosa posición privilexiada neste sector
- O representante do Goberno galego sinalou que nesta edición volverase a incidir nos tres eixos claves para o desenvolvemento desta feira, negocio, formación e capital relacional
Ourense, 21 de setembro de 2026.- O delegado da Xunta, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación da nova edición de Termatalia, 24ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, unha cita que ten como finalidade ofrecer unha visión global do sector e potenciar o mercado estratéxico do turismo termal a nivel internacional; e o VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, coa participación de 50 expertos, e o Workshop de Contratación Turística, coa presenza de 15 TT.OO. internacionais líderes nos mercados dos seus países, serán as principais accións profesionais. A esta aposta pola formación especializada e o negocio sumaranse, como é habitual, a área expositiva e as actividades dirixidas ao público en xeral.
O delegado puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia para a celebración deste evento que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense días 24 e 25 de setembro, e que ten como obxectivo debater e analizar as vías de colaboración internacional e as posibilidades de futuro que ofrece o termalismo en todas as súas vertentes. Neste sentido, puxo de manifesto a aposta estratéxica do Goberno autonómico por este sector pola súa capacidade de diversificar a oferta e desestacionalizar, esencial para construír un modelo sostible e de calidade que permita un fluxo de visitantes continuado.
Manuel Pardo lembrou que o Goberno galego elaborou o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 para, ademais de consolidar a nosa posición privilexiada neste sector, potenciar os atributos de calidade do termalismo galego, reforzar a profesionalización no turismo termal, e impulsar a actividade turística das contornas rurais e promocionar e comercializar novos produtos turístico.
Neste contexto, o representante do Goberno galego concretou que entre as liñas de actuación deste novo plan, inclúense a creación de novos establecementos termais e mellora das infraestruturas existente; o desenvolvemento dun manual de boas prácticas para o sector termalismo, a formación especializada e continua para os profesionais do sector e retención do talento no sector termal; o desenvolvemento de novos produtos turísticos relacionados co sector termal e programa de asesoramento personalizado que identifique o potencial dos establecementos termais de Galicia e permita ás empresas termais renovar e desenvolver o seu plan de negocio para alcanzar unha maior rendibilidade e sustentabilidade.
Tamén incidiu que nesta edición volverase a incidir nos tres eixos claves para o desenvolvemento desta feira, negocio, formación e capital relacional; ofrecendo para iso un completo programa de actividades profesionais nas que queda patente a necesidade da cooperación público-privada para o desenvolvemento do turismo termal e de benestar a nivel mundial.
Esta 24ª edición de Termatalia conta co apoio principal da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense Ademais, conta como colaboradores como o Campus Auga de Universidade de Vigo, a Cátedra de Hidroloxía Médica-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Membros Afiliados da Organización Mundial do Turismo e RENFE como Transporte Oficial para trasladar ata Ourense aos profesionais que chegan a Expourense vía Madrid. Tamén colabora nesta ocasión o Concello de Archena, en Murcia, que acode para presentar o seu congreso “Archena, 2500 anos de saúde e benestar” que se celebrará nesta localidade os días 21 e 22 de novembro de 2024.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Para concluír, Manuel Pardo felicitou á organización pola súa aposta por un evento que se consolida ano a ano como referente para o turismo de saúde que, como recalcou, “está cada vez máis en auxe e temos que dar unha boa resposta ás necesidades dos viaxeiros”.


















