Termatalia 2026 arrincou hoxe en Expourense cun obxectivo moi claro: xerar negocio, compartir coñecemento e fortalecer a cooperación público-privada dentro da comunidade termal internacional. A participación de 16 países, 60 expositores, 50 expertos e 15 operadores de turismo son datos que demostran o bo momento que vive o turismo de saúde en todo o Mundo e, en especial, na comunidade galega, na provincia de Ourense e no país veciño, Portugal.
A 24ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar foi inaugurada esta mañá nun acto no que interviñeron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o secretario xeral de Termas de Portugal, Joao Pinto; a directora de Promoción de Porto e Norte de Portugal, Cristina Mendes; o presidente de Balnearios de España e do ICTES, Miguel Mirones; o presidente da Deputación provincial de Ourense e de Vilas termais de España, Luis Menor; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e presidentes do Padroado da Fundación Expourense, José González.
Durante as súas intervencións todos fixeron referencia ao bo momento que atravesa o turismo termal e a aposta das distintas administracións no seu desenvolvemento en Ourense, Galicia e Portugal, comentando que os datos rexistrados en 2025 son os mellores da historia ata o momento e que Termatalia é, en palabras do Conselleiro, “unha peza crave para afianzar as bases dunha oferta sostible, rendible e innovadora cita e captar novos operadores que traballen nun segmento que, en 2025, demostrou a súa gran capacidade económica ao xerar en Galicia 232.000 turistas e 74,6 millóns de euros de gasto”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, indicou que do termalismo “máis aló de ser un motor turístico, os baños termais están a consolidarse como unha política pública e estratéxica fundamental. Proba diso é a traxectoria do Programa de Baños Termais Sociais da Deputación Provincial, que tras 11 anos de funcionamento alcanzou cifras sobresalientes: máis de 27.800 beneficiarios, case 90.000 noitadas e máis de 202.000 técnicas termais aplicadas”. E se se fai referencia a Portugal, a directora de Promoción de Porto e Norte fixo referencia a que o turismo termal nesta rexión creceu en 2025 un 70%.
Tamén interveu neste acto o presidente de Balnearios de España-ANBAL, Miguel Mirones, quen aproveitou para reivindicar que se teña en conta a opinión da patronal dos balnearios á hora de promulgar leis que decidan incluír o termalismo no catálogo de servizos da Seguridade Social. Tamén fixo referencia á necesidade de diferenciar os distintos establecementos que ofrecen servizos relacionados co benestar entre os que utilizan auga termal e os que non, xa que a lexislación e cumprimentos que se lle esixen a un balneario son moito máis estritas que ao do resto de establecementos que prestan servizos de benestar relacionados coa auga. A vella máxima que tantos anos leva escoitándose en Termatalia de “a diferenza está na auga” segue vixente. Mirones lembrou que “un balneario é moito máis que un aloxamento: é unha empresa tractora, foco de emprego, elemento de dinamización socioeconómica e un aliado para preservar poboación, servizos e actividade. A súa capacidade para integrar saúde, lecer, natureza, cultura e desenvolvemento local converte ao termalismo nunha das propostas turísticas con maior potencial”.
Neste acto inaugural estiveron presentes profesionais dos 16 países integrantes, entre os que destacaban a delegación de representantes da Secretaría de Turismo Federal de Gobierno de México e da SECTUR do Estado de Guanajuato; a delegación de alcaldes e representantes institucionais de Ucraína que están estes días coñecendo Ourense da man do INORDE, ou a delegación de intendentes e representantes municipais da provincia arxentina de Catamarca.
Tamén asistiu o ex ministro de Turismo da República do Uruguai, Eduardo Sanguinetti, quen fixo entrega ao director de Termatalia, Rogelio Martínez, do primeiro Vademecum das Augas Mineromedicinais dese país. Trátase dunha publicación que naceu por mor da celebración de Termatalia no Uruguai en 2023. Sanguinetti estivo acompañadoen esta entrega polo novo Cónsul Xeral do Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País vasco, Pedro Keuroglian.
ACCIÓNS DE NEGOCIO
Hoxe celebrouse tamén a primeira xornada do Workshop de Contratación Turística que conta coa presenza de 15 operadores de turismo especializados e con capacidade de compra nos seus respectivos mercados, tanto a nivel de turismo especializado en saúde como en turismo en xeral. De España participan, entre outros, Civitatis, Abies Travel, Hotteo Travel, Maxima Benestar, Inturismo, Roteiros Meigas, Interrías, Turismo Vivencial e Sol VIP. Tamén participan os principais almacenistas especializados de Portugal como Vefa Travel e INATEL. JAF Travel dos Estados Unidos, Smartbox de Irlanda e España, Colombia Sky de Colombia e Eurolatino de Alemaña, completan a lista de participantes. Os expositores da feira mantiveron xa esta mañá decenas de reunións de negocio co obxectivo de que estes almacenistas de viaxes inclúan os seus destinos e os seus establecementos nos seus catálogos de viaxes da próxima tempada.
FORMACIÓN
O VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde é un dos principais contidos profesionais de Termatalia 2026 e reúne a 50 expertos procedentes dunha decena de países que analizarán a evolución do termalismo e do turismo de saúde e benestar, así como os principais retos e oportunidades aos que se enfronta o sector do termalismo, turismo de saúde e turismo de benestar.
O programa aborda cuestións de máxima actualidade como o envellecemento activo e o termalismo, as novas tendencias do wellness, a calidade e as boas prácticas nos establecementos termais, a intelixencia artificial e a investigación universitaria, a hidroloxía médica, a geotermia e o papel dos balnearios como motores de desenvolvemento económico e social dos territorios, con especial atención ás áreas rurais. O Congreso reforzará ademais a conexión entre Europa e América Latina, favorecendo o intercambio de coñecemento e experiencias.
Esta primeira xornada incluíu ademais unha sesión sobre políticas públicas de termalismo na que participaron representantes públicos e privados de España e Portugal. Tamén unha sesión sobre as Vilas Termais de España que estivo presidida polo seu presidente, Luis Menor, e contou coa participación dos alcaldes de Mondariz-Balneario, Cuntis e Archena. A Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) cumpre este ano o seu 25 aniversario e reúne a 76 entidades locais de distintos puntos de España que comparten un elemento común: as súas augas minerais e termais. Incidiuse en que as Vilas Termais son moito máis que destinos turísticos: son municipios que fixeron da auga unha fonte de saúde, identidade, desenvolvemento económico e calidade de vida.
AUGA MINERAL
Termatalia serve de plataforma para a Industria da auga Mineral envasada con actividades como a Cata Internacional de Augas que hoxe celebrou a súa 21ª edición e cuxas augas premiadas serán dadas a coñecer mañá. O xurado, con expertos de España, Portugal e Costa Rica, estivo dirixido pola catadora galega Mercedes González. Unha edición máis, o Bar de Augas chamou a atención dos visitantes desta primeira xornada que puideron degustar distintos tipos de augas minerais e aprender un pouco máis sobre elas da man de Mercedes González. Hoxe tamén se impartiu un taller que propuxo unha viaxe sensorial sostible por Costa Rica a través da auga mineral, o café, o cacao e a froita.
A pesar de que a feira adquire un carácter máis profesional, esta edición conta cun completo programa de actividades para que o público poida vivir a feira “regalándose saúde e benestar”. Un dos principais atractivos é a Ruleta “O misterio termal de Ourense” que está dispoñible na caseta da Deputación Provincial de Ourense e á que o público pode xogar, demostrar canto sabe da provincia e gañar distintos premios. Outra das novidades é a degustación de “Xeado Termal” e outras variedades co selo de Galicia Calidade e que estan dispoñibles na caseta da Axencia de Turismo de Galicia.

A feira conta con varias áreas de masaxes que están a ser por unha banda, polo Centro Shalom e pola Asociación de Esteticistas de Galicia e, por outro, por alumnos de centros de FP de Ourense xa que, alén da distintas empresas, Termatalia involucrou ademais a estudantes de Formación Profesional de ramas relacionadas co benestar e a hostalería. Coordinado polo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional – Eduardo Barreiros, o alumnado do CIFP A Farixa e do IES 12 de Outubro de Ourense están a realizar distintas demostracións e tratamentos na feira.
Termatalia 2026 conta co apoio principal da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense Ademais, conta como colaboradores como o Campus Auga de Universidade de Vigo, a Cátedra de Hidroloxía Médica-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, o ICTES, o Concello de Archena, Galicia Calidade e RENFE como Transporte Oficial para trasladar ata Ourense aos profesionais que chegan a Expourense vía Madrid.
O horario de feira mañá será de 09.30 a 18.00 horas de forma ininterrompida e. Toda a información está dispoñible en www.termatalia.com e nas súas redes sociais.


















