O Concello do Carballiño vén de iniciar en tres rúas da vila o plan de microasfaltado, un proxecto novidoso para reparar os firmes deteriorados a causa das inclemencias meteorolóxicas e dun elevado volume de tráfico. Esta técnica, que actualmente tamén se utiliza en autoestradas galegas, inclúe unha primeira capa para tapar as fochancas existentes e unha segunda capa de microasfaltado dun centímetro de grosor.
A intervención, que supón un investimento de 50.000 euros por parte do goberno local, iniciouse esta mesma semana nas tres rúas afectadas: Centro de Carballiño en Bos Aires, Julio Rodríguez Soto e Conde Vallellano. “Nas próximas semanas avaliaremos o resultado destes microasfaltados e, de ser positivo, realizarémolos tamén no resto de vías deterioradas da vila”, apunta José Castro-Gil, alcalde en funcións. Os traballos inclúen o proceso de asfaltado así como o posterior pintado da sinalización, que se levará a cabo nos próximos días.


















