Ribadavia acolle o programa ‘CanteirIA’ para impulsar o emprendemento xuvenil e o uso de tecnoloxías dixitais innovadoras

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe  no municipio ourensán de Ribadavia as persoas participantes na primeira edición do programa CanteirIA, “co que a Xunta busca propiciar que a mocidade galega poña en marcha proxectos emprendedores facendo uso de tecnoloxías dixitais innovadoras”.

No seu encontro cos 15 participantes da primeira edición deste proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Lara Meneses salientou a importancia desta iniciativa, desenvolvida ao abeiro do programa europeo Desafío Jovens, para que a xente moza saiba manexar estas ferramentas como “aliadas para propiciar oportunidades de enpregabilidade”.

Neste senso, explicou que CanteirIA é un programa intensivo de emprendemento que combina ferramentas de intelixencia artificial, acompañamento especializado e traballo colaborativo para “transformar ideas emprendedoras en proxectos estruturados, validados e orientados á posta en marcha”.

Con este fin, Lara Meneses puxo en valor que, desde hoxe e durante catro días, no antigo Convento de Santo Francisco de Ribadavia ,15 mozos e mozas están traballando sobre proxectos propios ou integrados en equipos multidisciplinares, avanzando desde a definición da iniciativa a desenvolver ata a construción dun produto mínimo viable e a elaboración dun plan de acción para a súa continuidade.

Con este obxectivo, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanzou que as e os participantes traballarán sobre o seu modelo de negocio, os seus potenciais clientes e a súa proposta de valor. Ademais, identificarán as principais hipóteses que necesitan validar e desenvolverán ese produto mínimo viable con apoio de ferramentas dixitais, intelixencia artificial, deseño e tecnoloxías non-code.

Precisamente, a directora xeral de Xuventude salientou o feito de que “un dos elementos diferenciais” desta iniciativa é a integración de ferramentas de Intelixencia Artificial e tecnoloxías dixitais innovadoras no proceso de emprendemento. “Esta metodoloxía sitúa esta iniciativa na vangarda das novas fórmulas de capacitación emprendedora e contribúe á adquisición de competencias especialmente demandadas no actual contexto de transformación dixital”, aseverou.

CanteirIA compleméntase cun seguimento posterior, un mes despois de finalizar esta convivencia emprendedora, tendo a oportunidade cada equipo de compartir o que funcionou do aprendido e recibir apoio para seguir avanzando. Finalmente, rematará co presentación, o último día, por parte dos mozos e mozas do traballo desenvolvido durante os catro días, explicando a idea de partida, o problema que queren resolver, a solución proposta, o modelo de negocio e os avances conseguidos. A xornada finalizará cun intercambio e a definición dos próximos pasos para continuar desenvolvendo cada iniciativa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------