O delegado da Xunta desprazouse esta mañá a Oímbra para coñecer de primeira man o proxecto de consolidación do arco de acceso ao Pazo das Portadas, no que que a Turismo de Galicia achegou preto de 30.000 euros
- Manuel Pardo destacou que esta orde de Turismo de Galicia, dotada de 2 M€, ten como obxectivo impulsar e consolidar a oferta turística no rural a través da recuperación, a mellora da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos, contribuíndo a poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes territorios
- O delegado explicou que obxectivo desta intervención será frear a degradación deste elemento arquitectónico a través de dúas fases. A primeira engloba as obras de consolidación e recuperación do arco, mentres que a segunda fase consistirá no soterramento do cableado eléctrico
Ourense, 30 de setembro de 2026.- O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Oímbra para, acompañado da súa alcaldesa, Ana María Villarino, coñecer de primeira man o proxecto de consolidación do arco de acceso ao conxunto edificatorio do Pazo das Portadas, no que Turismo de Galicia achegou preto de 30.000 euros, ao abeiro da orde de axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas en municipios de ata 10.000 habitantes.
Durante a súa visita, o delegado puxo en valor que na última resolución destas achegas, a Xunta destinou máis dun millón de euros a 35 concellos da provincia de Ourense. Nesta liña, concretou que ademais desta entidade local, foron beneficiarios os concellos de Maceda, Boborás, Verea, Bande, Cortegada, Parada de Sil, A Arnoia, Carballeda de Valdeorras, San Xoán de Río, Esgos, Muíños, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Castrelo do Val, O Bolo, Beade, Cenlle, Montederramo, Entrimo, O Castro de Caldelas, Allariz, Vilar de Barrio, Avión, A Teixeira, Vilardevós, Castrelo de Miño, Laza, O Pereiro de Aguiar, Leiro, Cartelle, Maside, Lobeira, Nogueira de Ramuín, Taboadela.
O representante do Goberno galego destacou que esta orde, dotada de 2M€, ten como obxectivo impulsar e consolidar a oferta turística no rural a través da recuperación, a mellora da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos, contribuíndo a poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes territorios. Os proxectos subvencionarse ata o 100% do orzamento, cun máximo de 30.000 euros por actuación.
Tamén sinalou que estas axudas permiten financiar actuacións moi diversas orientadas á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais. Entre elas, inclúense o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo.
En definitiva, segundo subliñou Manuel Pardo, “con esta liña de apoio, a Xunta busca seguir fortalecendo o turismo no rural ourensá, contribuíndo á dinamización económica do territorio e á posta en valor dos seus recursos naturais, culturais e patrimoniais”.
Actuacións
O delegado explicou que o obxectivo desta intervención é frear a degradación do arco de acceso ao Pazo das Portadas a través de dúas fases. Na primeira fase, que engloba as obras de consolidación e recuperación do elemento arquitectónico, as actuacións consistirán no apeo e desmonte do muro de perpiaños graníticos, incluíndo o arco, ata poder acceder ás pezas que deben ser recolocadas ou reparadas; na colocación dunha laxa labrada de granito moreno de con moldura de peito pomba equivalente ás existentes na cornixa; e se encherá a totalidade da coroa do muro mediante a aplicación dun morteiro de cal e area formando un elemento de cobre muros con caídas a ambos os dous lados, de tal modo que elimine a permeabilidade existente á auga de orixe pluvial.
Por outra banda, a segunda fase consistirá no soterramento do cableado eléctrico levándose a cabo o levantamento do pavimento da rúa; a apertura e escavación dunha gabia para instalacións cunha profundidade inferior a dous metros; e a colocación dun tubo reforzado enterrado colocado sobre leito de area debidamente compactada e nivelada, para o soterramento da liña eléctrica.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Historia do Pazo das Portadas
O Pazo das Portadas foi a antiga residencia de verán dos Condes de Monterrei, emparentados cos Yáñez de Lugo, familia propietaria deste palacio, que aínda conserva no seu interior dous brasóns que son testemuño do carácter fidalgo que tivo a vila de Oímbra desde 1574.
As reformas realizadas ao longo do tempo neste edificio nobre alteraron a súa fisionomía orixinal, pasando a ser propiedade de varias familias. Cabe destacar que ainda posúe un patio cunha solaina, cuxo interior conserva unha das dúas pedras de armas que, con certeza, ocuparon inicialmente a fachada principal do inmoble. Ambos escudos son idénticos aos que existen na capela que esta mesma familia construíu apegada ao muro sur da Igrexa de Santa María de Oímbra no século XVII.

















