Ourense, 30 de setembro de 2026. A UNED Ourense celebrou esta mañá unha Xornada de Portas Abertas dirixida a estudantes que se incorporan por primeira vez á universidade. A xornada contou coa participación de preto de 40 persoas, 16 delas de forma presencial no salón de actos e 18 a través de Internet. En total, 34 novos matriculados.
O director do centro, Jesús Manuel García Díaz, deu a benvida e presentou a estrutura da UNED, o calendario de exames e a función do profesorado titor, ao que definiu como “un plantel de profesionais que coñecen ben a súa materia e que van aclarar dúbidas e guiar por cada materia”. Aconsellou organizar días fixos de estudo na biblioteca e na sala de lectura, así como ter en casa un lugar e un horario estables. Tamén insistiu en consultar a diario o correo do estudante e o portal en liña.
No acto interviñeron tamén o responsable do Centro de Orientación e Emprego (COIE), Jesús Carballo Bouzas; os profesores titores Roberto Estévez Rodríguez e María Concepción Álvarez Gómez; e Luis Gulín Iglesias, do PTGAS. Carballo explicou as áreas do COIE: orientación académica, orientación profesional, inserción e desenvolvemento profesional, emprego, emprendemento e observatorio de empregabilidade. A atención no COIE de UNED Ourense é os martes, de 16:00 a 20:00 horas.
Pola súa banda, Roberto Estévez animou a participar activamente nas titorías e a planificar o curso sen agobios, mentres que María Concepción Álvarez falou das Probas de Avaliación Continua (PECs), que nalgúns casos son obrigatorias e axudan a preparar a materia para o exame.
Luis Gulín aclarou cuestións sobre os portais do estudante, os pagos da matrícula e as convocatorias. Varios asistentes fixeron o seu carné universitario, necesario para identificarse ou solicitar libros na biblioteca. O director leu tamén un fragmento do discurso do rector, Ricardo Mairal, sobre a importancia do rigor, a verdade e o pensamento crítico fronte á desinformación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ao remate, os asistentes percorreron as instalacións do centro: sala do COIE, delegación de estudantes, sala de profesorado, aula de informática, titorías, sala de estudo, biblioteca, secretaría, aulas de conexións, aula de exames e laboratorios de Química e Física. O director explicou o funcionamento da Valija Virtual, o sistema informatizado que organiza os exames e que na UNED se realizaron 530.000 exames no último curso.
A matrícula continúa aberta ata o 22 de outubro.

















