O Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), acolleu onte sábado a entrega dos Premios Bacelos de Prata 2026, unha edición que cumpre 18 anos e que coincidiu co 90º aniversario da constitución da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA). Aquela asociación foi fundada por Álvaro das Casas en xaneiro de 1936 no mesmo lugar, co obxectivo de defender a calidade dos viños do Ribeiro fronte ás uvas foráneas e aos viños de escasa calidade.
O acto foi presentado por Xosé Carballido , coordinador de IRGADE, e contou coa presenza de representantes do Foro Enrique Peinador, da Asociación Álvaro das Casas, do Concello de Ribadavia, da Xunta de Galicia e da Fiscalía Superior de Galicia. A música correu a cargo da Capela Madrigalista Ourensana.
Na súa intervención, Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas, destacou que os dous proxectos premiados son “auténticos embaixadores” do mellor facer galego. Subliñou que o uso do galego na etiquetaxe agroalimentaria deixou de ser unha excepción militante para converterse nunha decisión estratéxica de mercado e nun exercicio de dignidade cultural. Tamén alertou do retroceso xeneralizado do galego, especialmente entre as xeracións novas, nas cidades e en boa parte do sistema educativo, e reclamou unha toma de conciencia colectiva para reverter a tendencia.
DISCURSO COMPLETO DE AVELINO MULEIRO:
Autoridades.
Amigas e amigos.
Hoxe detémonos a recoñecer o esforzo, a paixón e o compromiso de dous proxectos que son auténticos embaixadores do noso mellor facer: Granxa Arqueixal e Adegas e Viñedos Lareu. Ambas empresas representan o triunfo dun modelo que mira cara ao futuro sen esquecer nunca de onde veñen.
O que fai grandes a estas dúas empresas non é só a excelencia insuperable dos seus queixos e viños, senón a súa firme ligazón coa nosa identidade. Tanto Granxa Arqueixal como Adegas e Viñedos Lareu fan do galego un elemento esencial da súa comunicación, empregándoo con plena normalidade na súa etiquetaxe, web e redes sociais dende hai décadas.
Grazas por proxectar con orgullo os nosos valores culturais e por demostrar que o produto local e a nosa lingua fan un equipo invencible. Noraboa!
O uso da lingua galega na etiquetaxe agroalimentaria evolucionou ata converterse nun piar estratéxico que une identidade, prestixio de marca e valor de mercado. O galego é o territorio emocional e mental desde o que construímos todo o demáis, porque a linguaxe é a única ferramenta para preservar a memoria colectiva. Dixo Wittgenstein que “os límites da nosa linguaxe son os límites do noso mundo”.
A etiquetaxe en galego deixou de ser unha excepción militante para converterse nunha decisión estratéxica de mercado e, sobre todo, nun firme exercicio de dignidade cultural. Durante décadas, arrastrado por vellos complexos sociais e prexuízos herdados, o uso da lingua propia no ámbito comercial percibíase erroneamente como algo enfocado exclusivamente ao consumo local ou falto de proxección externa. Hoxe, a realidade do mercado galego demostra exactamente o contrario: o idioma é un activo patrimonial que achega valor engadido, autenticidade e excelencia. Cando unha marca decide etiquetar en galego, proxecta unha mensaxe de pertenza respectuosa coa súa contorna e cos consumidores que esixen coherencia entre a orixe do produto e a súa presentación.
Durante moito tempo asumiuse a falsa premisa de que etiquetar en galego restaba competitividade fóra das nosas fronteiras. A evolución de sectores clave como o vinícola ou o lácteo desmontou definitivamente ese mito.
Foi no ano 1932 cando Álvaro das Casas pronunciou no paraninfo da Universidade de Santiago un discurso titulado Verbas aos mozos galegos, no que reivindicaba a conciencia nacional e o orgullo cultural. Insistía na necesidade de que Galicia tomase conciencia do seu valor histórico, lingüístico e social, superando o complexo de inferioridade xerado pola marxinación política.
A famosa máxima de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, incluída na súa obra cume, Sempre en Galiza (1944) dí: “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. É unha das declaracións máis profundas e determinantes sobre a identidade colectiva de Galicia. A frase transcende a mera defensa lingüística para converterse nunha teoría política e existencial da nación galega.
Durante séculos, sobre todo os chamados Séculos Escuros, do século XVI ao XVIII, Galicia careceu de poder político propio, de institucións autonómicas e de elites dirixentes que falasen a lingua galega. Con todo, o pobo conservou o galego de forma oral. Por iso, a lingua é a institución primaria que mantivo viva a conciencia diferenciada do pobo galego.
Castelao outorga á lingua un carácter sacro e milagroso. A pervivencia do pobo galego non é froito da intervención de reis nin de decretos estatais, senón dun milagre popular sostido, xeración tras xeración, mediante a palabra falada.
Pero, cal é a situación actual do galego en Galicia?
A situación actual do galego atópase nun momento de encrucillada histórica e de retroceso xeneralizado, tal e como avalan os últimos rexistros oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE). O galego perdeu terreo como lingua habitual, especialmente nas novas xeracións e nos núcleos de poboación máis densos, o cal repercute directamente nos ámbitos educativos e municipais. A ausencia de contidos atractivos en galego en redes sociais, videoxogos e plataformas de streaming dificulta que a xente moza identifique o idioma con visión de modernidade
O sistema educativo non universitario reflicte a fractura lingüística xeracional. Así, as aulas e os espazos de socialización infantil están dominados de forma moi ampla polo castelán, porque o seu dominio inicial maioritario é o castelán como lingua materna.
O tramo da ESO e o Bacharelato testemuña un proceso de desgaleguización acelerado. A presión social, a influencia das redes sociais e os modelos de consumo cultural en castelán provocan que moitos rapaces que cursaban estudos en galego reduzan o seu uso oral no instituto.
No ámbito universitario, a prevalencia do castelán na docencia científica e técnica é evidente, aínda que os estatutos e regulamentos internos recoñecen o galego como lingua propia da institución e propugnan a súa normalización, pero na práctica, a gran maioría dos graos de ciencias, enxeñerías e ciencias da saúde impártense case integramente en castelán.
En cambio, nas ramas de humanidades e ciencias sociais hai unha certa resistencia do galego, tanto nos manuais coma nas exposición do profesorado e nos traballos do alumnado.
Onde se notan os índices máis baixos de galegofalantes habituais é nas grandes cidades galegas, sendo especialmente alarmante entre a poboación menor de 30 anos.
Son as Vilas e o Medio Rural onde se observa certa resistencia; sobre todo no rural profundo, no que se mantén a transmisión interxeracional. Non obstante, o descenso do galego tamén está chegando a estes lugares a causa da desertización demográfica, o envellecemento e a chegada de novos veciños sen vínculos coa lingua.
Os datos apuntan a unha perda acelerada de falantes habituais. Reverter esta tendencia precisa dun enorme esforzo institucional, social e individual. A recuperación do galego non depende exclusivamente de decretos legais, senón dunha toma de conciencia colectiva que entenda a diversidade lingüística como unha riqueza insubstituíble e que faga do galego unha lingua útil, moderna e desexable para vivir o día a día.
Se Galicia perde o seu idioma, perderá a súa razón de ser como suxeito histórico. É un imperativo ético reverter esa caída. Esa mensaxe vai dirixida ás xeracións futuras para que se responsabilicen da preservación e normalización da lingua fronte á asimilación.
O compromiso coa nosa lingua por parte de Granxa Arqueixal e Adegas e Viñedos Lareu dános esperanza de que o galego resistirá e se consolidará, malia as adversidades.
Moitas grazas.
A secretaria do xurado, Carme Pérez Vaquero, leu a acta de concesión. O xurado, reunido no Pazo dos Ulloa o 28 de agosto, acordou premiar:
- Granxa Aqueixal, situada en Santiago de Albá, no concello de Palas de Rei, comarca da Ulloa. Desde 1989 dá continuidade á tradición queixeira familiar cun proxecto de produción ecolóxica. Elabora queixo cremoso, queixo de nabiza, iogur natural e leite fresco pasteurizado, e emprega o galego na etiquetaxe, na web, na divulgación, no agroturismo e na comunicación coas persoas consumidoras. Nas Catas de Galicia de 2025 obtivo ouro polo queixo Aqueixal e prata polo Aqueixal Curado.
- Adegas e Viñedos Lareu, en Sabadelle, Chantada, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Conserva unha adega do século XVIII e traballa con variedades como godello, treixadura, branca lexítima, mencía, merenzao, sousón e caíño. Elabora viños como Sabatelius Mencía, Sabatelius Godello, Sabatelius Noa, Sabatelius Chamorra e Sabatelius Carballo. O xurado salientou o seu compromiso co galego desde os anos 80 na etiquetaxe, imaxe corporativa, web e redes sociais.
No turno dos premiados, Luís Carreira, de Granxa Aqueixal, emocionouse ao agradecer o galardón e reivindicou a toponimia da súa aldea, a autenticidade do produto ligado ao territorio e o uso do galego como parte da identidade. Contou tamén unha anécdota sobre un requirimento para etiquetar en castelán e lamentou que se cuestione o galego cando outras linguas estranxeiras se aceptan con normalidade. Pola súa banda, o representante de Adegas e Viñedos Lareu agradeceu o recoñecemento e afirmou que o galego está presente en todo o que fan: nas etiquetas, nas palabras e na maneira de contar o viño. Falou dun legado recibido dos pais e avós e dunha responsabilidade cara ás xeracións futuras.


Carmen Eiró, fiscal superior de Galicia, pechou as intervencións institucionais destacando o lema do acto: “Facer país dende o territorio, dende o produto e dende a lingua”. Para ela, a lingua é territorio e é produto, e proxectos como os premiados demostran que se pode innovar, competir e construír futuro sen renunciar á identidade galega.
O acto rematou coa intervención de Cecilio Santalices, representante da Xunta, e de César Fernández, alcalde de Ribadavia, que felicitaron os premiados e reafirmaron o compromiso de seguir apoiando iniciativas a prol do galego.

















