O Psdeg-Psoe de Barbadás acusa ao alcalde, Xosé Carlos Valcárcel de “traficar cos cargos institucionais” co único obxectivo de manterse no poder “a toda costa”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Victoria Morenza denuncia que o regreso de Democracia Ourensana ao goberno municipal demostra que “ao alcalde só lle interesa agarrarse ao cargo” e que “se ri da veciñanza”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“A Valcárcel xa non lle chegaba con branquear durante meses actitudes machistas e comportamentos políticos absolutamente inaceptables. Agora vai un paso máis alá e trafica cos cargos institucionais para manterse na cadeira e agarrado ao poder”, engade

“Barbadás non merece un goberno que funcione en base a cambalaches, acordos de despacho e intereses electorais. Merece representantes que respecten o mandato das urnas e que entendan que os cargos institucionais non lles pertencen. Non son propiedade de Valcárcel, nin de ningún partido, pertencen á cidadanía”, apunta

Barbadás, 8 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás denuncia o que considera “un novo episodio de mercadeo político” no concello de Barbadás, tras o regreso do concelleiro de Democracia Ourensana, Daniel Rey, ao goberno municipal, froito do acordo alcanzado entre o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a formación liderada por Gonzalo Pérez Jácome.

Para a voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, o sucedido supón “unha auténtica falta de respecto á cidadanía” e evidencia que “Valcárcel está disposto a facer calquera cousa para conservar o poder, incluso converter os cargos institucionais en moeda de cambio”.

“O pleno do luns foi un auténtico espectáculo. O alcalde segue campando as súas anchas e demostrou unha prepotencia desorbitada, especialmente tendo en conta a situación política na que se atopaba”, sinala Morenza, que tamén apunta que “agora sabemos porque estaba tan tranquilo, xa tiña a solución preparada e artellada”.

A voceira socialista explica que durante o pleno ordinario xa se podía intuír que Valcárcel contaba cunha alternativa para recompoñer o goberno municipal. “Non sabíamos exactamente cal sería a forma. Chegamos incluso a plantexar no propio pleno a posibilidade de que entrase alguén do PP na xunta de goberno, porque así o chegara a sinalar o presidente provincial, Luis Menor”. Neste senso apunta a que o regreso de Dani Rey “parecía unha opción moi remota e case imposible, pero finalmente foi a que se produciu”.

Dende o PSdeG-PSOE de Barbadás consideran “especialmente grave” que as institucións municipais se convertan nun escenario de negociacións partidistas. “Isto non é política, isto é traficar cos cargos institucionais”, denuncia Morenza, quen tamén afirma que “os postos públicos non poden empregarse como fichas de intercambios para pechar acordos entre partidos, nin para garantir a supervivencia política a determinados dirixentes”.

A voceira socialista lembra que os actuais protagonistas comezaron a lexislatura nun escenario diferente. “Hai representantes públicos que iniciaron este mandato formando parte dun goberno con sete concelleiros ao seu lado e que acabaron rompendo coas súas propias siglas, pactando co PP, rompendo posteriormente con Democracia Ourensana e agora volvendo a pactar con esa mesma formación”. Asemade engade que todo isto, e segundo recoñece o propio líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, “cun acordo que non só se limita á Deputación, senón que ten tamén unha perspectiva de futuro de cara ás próximas eleccións municipais”.

Un alcalde que se ri da cidadanía

As concelleira socialistas poñen de manifesto que “é imposible explicarlle esta situación a veciñanza sen falar de intereses partidistas e electorais”. Neste senso pregúntanse “que explicacións se lle dá á persoa que votou pensando nun determinado proxecto? Que explicacións se lle dá á cidadanía cando ve que os mesmos concelleiros cambian de socios, de alianzas e de posicións dependendo de quen lles garanta manterse no poder?”.

Dende o PSOE de Barbadás acusan directamente ao alcalde de “rirse da cidadanía”. “A Valcárcel xa non lle chegaba con branquear durante meses actitudes machistas e comportamentos políticos absolutamente inaceptables. Agora vai un paso máis alá e trafica cos cargos institucionais para manterse na cadeira e agarrado ao poder”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Morenza considera que o acordo supón tamén “unha nova decepción para moitos veciños e veciñas de Barbadás”. “Moita parte da poboación xa estaba indignada polo que considera unha usurpación dun poder ilexítimo. Agora esa indignación transfórmase en decepción ao comprobar que, unha vez máis, os intereses da cidadanía quedan relegados fronte aos intereses dos partidos”, subliña.

“Barbadás non merece un goberno que funcione en base a cambalaches, acordos de despacho e intereses electorais. Merece representantes que respecten o mandato das urnas e que entendan que os cargos institucionais non lles pertencen. Non son propiedade de Valcárcel, nin de ningún partido, pertencen á cidadanía”, conclúe Victoria Morenza.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------