O Colexio Seminario Menor A Inmaculada de Ourense, recoñecido cos premios Igrexa Sostible

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

No marco das Xornadas de formación da Conferencia Episcopal Española (CEE) no ámbito do Sostemento, que se clausuran en Madrid, celebrouse no Seminario de Getafe o acto de entrega dos premios Igrexa Sostible. Este ano, os galardóns recoñecen a labor do Colexio Seminario Menor A Inmaculada de Ourense.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Recibiron o recoñecemento o reitor do Seminario Menor, D. Segundo Fernández Movilla, e o profesor do centro Álvaro Leis Rodríguez, que coordina os proxectos vinculados ao Sostemento. Durante o acto destacaron que no centro entenden a sostibilidade “non só como o coidado do medio ambiente, senón como unha forma de educar: aprender a coidar, reutilizar, mellorar e transformar aquilo que recibimos”.

Segundo explicaron, desde hai varios anos os proxectos educativos do alumnado buscan transcender a aula e ter unha utilidade real e duradeira. Deste xeito, os coñecementos científicos, tecnolóxicos, artísticos e académicos póñense ao servizo de iniciativas concretas que melloran os espazos do centro e do seu contorno, ao tempo que fomentan o traballo en equipo, a creatividade, a responsabilidade e o sentido de pertenza.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Esta filosofía permitiu transformar progresivamente tanto o monte que rodea o Seminario —mediante a súa limpeza, reforestación, recuperación de sendeiros ou a creación da Ruta das Árbores— como numerosos espazos interiores, implicando directamente o alumnado e o profesorado no seu deseño e realización. A reutilización e reparación de materiais, o aproveitamento dos recursos existentes e a continuidade das actuacións fan que cada proxecto deixe unha pegada que outros poden seguir coidando e mellorando.

En definitiva, sinalaron, buscan que os alumnos descubran que coidar os espazos é tamén unha forma de coidar as persoas que os habitan, facendo da sostibilidade unha experiencia educativa, comunitaria e coherente coa misión da Igrexa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------