O Psdeg-Psoe confirma que María Elena Peaguda será a candidata á alcaldía de Allariz cun proxecto “ambicioso e completo” para mellorar a calidade de vida na vila

A candidata socialista destaca a súa aposta polo rural co obxectivo de “rematar co esmorecemento demográfico e patrimonial dos núcleos de poboación que non son a capitalidade municipal”

Peaguda sinala que en materia de turismo e desenvolvemento rural cómpre “ofertar experiencias únicas no medio rural, que melloren a distribución dos fluxos turísticos no tempo e no espazo, ben reforzada cun exhaustivo marketing dixital”

AVANTAR ACTIVIDADES

Allariz, 12 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de confirmar que María Elena Peaguda será a candidata socialista a alcaldía de Allariz de cara aos comicios electorais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Peaguda estréase como candidata socialista nuns comicios nos que aspira a lograr uns bos resultados e nos que presenta un “ambicioso e completo” proxecto que permita mellorar a calidade de vida e o día a día da veciñanza de Allariz.

A candidata socialista destaca a súa aposta polo rural co obxectivo de “rematar co esmorecemento demográfico e patrimonial dos núcleos de poboación que non son a capitalidade municipal”. Neste senso apunta que “cómpre manter a calidade de vida acadada dende hai anos na vila e traballar con honestidade para conseguir que todo o concello goce duns mínimos estándares cualitativos, sen perder a súa esencia eminentemente rural”.

María Elena Peaguda pon o foco na necesidade de conservar e mellorar as infraestruturas públicas existentes afirmando que “hai que apostar por unha limpeza e reparación rápidas, polo baleirado e desinfección frecuente dos contedores de lixo, así como pola ocultación destes elementos, respectando á estética da contorna”. Tamén sinala como outros dos puntos a ter en conta dentro do seu programa “o arranxo de parques infantís e a humanización das rúas”.

A candidata do PSdeG-PSOE en Allariz fai fincapé na necesidade de mellorar a atención aos cidadáns máis vulnerables e aos maiores con “servizos polivalentes para axudar ás persoas que, pola súa especial necesidade, precisen dunha atención no seu domicilio”. María Elena Peaguda destaca a aposta pola mocidade “tentando facilitar o acceso ao mercado laboral con total transparencia e atendendo aos principios de méritos e capacidade”, ademais aposta pola creación de “obradoiros de educación en valores, medio ambiente, ocio san e seguro, igualdade, prevención do machismo ou voluntariado”.

Outro dos puntos no que se centra a nova candidata socialista en Allariz e a dinamización cultural e social coa “programación dunha axenda cultural axeitada aos destinatarios ou a divulgación de actividades con información actualizada sobre diferentes temas de interese”. O equipo socialista tamén pon o foco na necesidade dunha “correcta comunicación entre os servidores públicos e o resto dos cidadáns con carácter bidireccional, para coñecer cales son as inquedanzas e necesidades dos conveciños, estudar a súa viabilidade e, sempre, dar resposta razoada nun ou noutro senso dentro das prioridades obxectivas, cuns prazos concretos e con calidade”.

“Queremos facilitarlle ás empresas o seu establecemento en solo industrial do concello, dar pulo e publicidade ao sector primario, apostar pola feira e o mercado na vila de Allariz, así como por coñecer a orixe, proceso de elaboración e trazabilidade dos produtos, para potenciar tamén o mercado no seu punto de orixe”, afirma María Elena Peaguda, que tamén pon o foco en “comprender a fauna e flora dos nosos bosques como xeito de promover a investigación e conseguir tráfico de persoas nos núcleos de poboación e estimular o turismo de calidade”.

Peaguda sinala que en materia de turismo e desenvolvemento rural cómpre “ofertar experiencias únicas no medio rural, que melloren a distribución dos fluxos turísticos no tempo e no espazo, ben reforzada cun exhaustivo marketing dixital”. A candidata socialista tamén subliña que “hai que conseguir que o turismo teña opción de permanecer máis tempo entre nós, ofertando máis servizos” e apunta a que “o viaxeiro xenuíno quere desfrutar dun modelo urbanístico e cultural axeitado como o que temos no casco histórico de Allariz, pero tamén busca o activo natural e patrimonial dun concello con tantos recursos que están a caer no esquecemento, po iso hai que reforzar un modelo que tenda a recuperar, coidar e promocionar todo o territorio posible”.

Os e as socialistas de Allariz pelexarán por buscar fórmulas para que, cando sexa necesario, “se poida dispoñer dun transporte de viaxeiros que non discrimine o rural” e sinalan tamén a necesidade dunhas festas “respectuosas coa tradición histórica, espiritual ou gastronómica e que sexan abertas a todos os gustos”.