Felipe Senén e os Amigos dos Museos de Galicia mergúllanse na historia, as lendas e a memoria da Lagoa de Antela no Centro de Interpretación de Sandiás

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Arredor de 40 membros da asociación, acompañados polo seu presidente, o arqueólogo, xestor cultural e escritor coruñés Felipe Senén, visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, tras unha xeira pola Limia e a comarca de Verín.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Arredor de 40 membros da asociación Amigos dos Museos de Galicia, acompañados polo seu presidente, o arqueólogo, xestor cultural e escritor coruñés Felipe Senén, visitaron o domingo 11 de novembro o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás. A visita tivo lugar despois dunha xeira especial polas terras da Limia, unha zona rica en historia, arqueoloxía e etnografía, e pola comarca de Verín, coincidindo co comezo do outono, cando a paisaxe adquire matices especiais.

A visita guiada á Casa da Lagoa foi breve en duración, pero intensa en contidos. O percorrido estivo a cargo de Pepe Gándara, coordinador da Casa da Lagoa, quen adaptou o discurso museográfico arredor de tres eixes fundamentais: a xeografía, a etnografía e a xeografía mítica.

Durante a visita, repasáronse os aspectos físicos e humanos da Lagoa de Antela a través dunha das láminas da cartografía de Domingo Fontán, que tanto admiraba Otero Pedrayo. Expuxéronse de maneira sintética os factores naturais que propiciaron a transformación da paisaxe, como as formas do relevo e o sistema hídrico, así como os factores antrópicos, entre eles os palafitos lacustres e as distintas pegadas da presenza humana no territorio, desde a época prerromana ata a modernidade. Como complemento, afondouse na cartografía da lagoa, nas súas dimensións e na súa toponimia. Tamén se analizou unha das intervencións máis agresivas sobre a paisaxe: o proceso de desecamento impulsado durante o franquismo e a concentración parcelaria.

As lendas e os habitantes imaxinarios da lagoa

A continuación, a visita centrouse na xeografía mítica, abordando os espazos e os habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela. Fixéronse breves referencias a diversas lendas e contos, como os relacionados coa cidade de Antioquía, a princesa ra, a orixe da lagoa, Inés de Castro e o papel do Bruión, entre outros. Un dos momentos destacados foi a lectura, case dramatizada, dunha das versións da lenda de Antioquía, recollida por Elixio Rivas Quintas. Tamén se leu a lenda dos mosquitos cínifes, aos que lles relucían as ás ata o punto de parecer armas e exércitos encantados do rei Artús.

Do folclore á arquitectura sustentable en terra

Despois de facer breves referencias ao folclore, á etnografía e ás economías desaparecidas da lagoa, abordáronse aspectos da xeografía cultural aplicados á Lagoa de Antela. Neste apartado, reflexionouse sobre a toponimia e achegáronse exemplos concretos de topónimos maiores e menores da zona. A visita concluíu cunha referencia á arquitectura sustentable tradicional en terra, baseada no uso de terróns ou felpas elaborados mediante a mestura de terra e raíces do xunco do beón, empregados na construción de casas e palleiras.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


As Areeiras de Sandiás, unha visita pendente

Por falta de tempo, o grupo non puido visitar in situ as Areeiras de Sandiás. Con todo, quedou aberta a posibilidade de que, nun futuro próximo, estas pezas dispersas —que alguén definiu como «o minifundismo da auga»— poidan volver configurar un novo humidal artificial, herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural coñecido como lago Beón. A experiencia deixou unha valoración moi positiva entre os participantes, que manifestaron a súa satisfacción pola visita á Casa da Lagoa e agradeceron a acollida e a oportunidade de coñecer de novo este Centro de Interpretación de Sandiás.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------