O Sagrado Corazón chama á veciñanza a correr contra a leucemia infantil

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Colexio Sagrado Corazón e a súa ANPA, coa colaboración do Concello do Carballiño, organizan este venres, 16 de outubro, a carreira solidaria «Corremos contra a leucemia», unha iniciativa destinada a recadar fondos para a investigación contra a leucemia infantil a través da Fundación Unoentrecienmil.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A proba partirá da praza da Veracruz ás 17:30 horas e contará cun percorrido de dous quilómetros que poderá realizarse tanto correndo como camiñando. A convocatoria está aberta a toda a cidadanía, co obxectivo de sumar participantes de todas as idades arredor dunha mesma causa.

A presentación contou coa presenza do alcalde do Carballiño, Pepe Castro; do director do centro educativo, Alberto, e da secretaria da ANPA, Eva. Durante o acto, o rexedor animou a veciñanza a participar nesta proposta solidaria na que, segundo sinalou, o importante é colaborar, independentemente de que se complete o percorrido correndo ou andando.

Desde a organización destacaron a importancia de apoiar a investigación para avanzar no tratamento desta enfermidade. Eva, secretaria da ANPA, explicou que o propósito é contribuír a que os nenos e nenas afectados dispoñan de máis posibilidades para superar a leucemia, con tratamentos cada vez máis eficaces e menos agresivos.

A iniciativa tamén se deu a coñecer noutros centros educativos da provincia, coa intención de ampliar a participación e conseguir que a convocatoria vaia máis alá da comunidade escolar do Sagrado Corazón.

Inscricións e achegas voluntarias

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da aplicación do Concello do Carballiño ou acudir directamente á praza da Veracruz o mesmo día da carreira. A entrega de dorsais e a recollida de doazóns comezarán ás 16:30 horas, unha hora antes da saída.

A participación estará vinculada a unha achega económica voluntaria. Para iso, a organización habilitará huchas nas que se poderán realizar as doazóns, que se destinarán a financiar a investigación a través da Fundación Unoentrecienmil.

Baixo a mensaxe «Cada paso conta», a carreira busca converter unha tarde de deporte e convivencia nunha oportunidade para contribuír á loita contra a leucemia infantil. A organización fai un chamamento á veciñanza para que se sume á iniciativa e axude a reunir fondos destinados á investigación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------