Con motivo da celebración do Día mundial de concienciación ante a parada cardíaca, o xerente do Servizo Galego de Saúde, o director xeral de Relacións Exteriores e da Unión Europea e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participaron nunha acción formativa en Chaves
— O 061 de Galicia e a Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa-Alto Támega realizan un adestramento masivo co obxectivo de mellorar a supervivencia no caso de presenciar unha parada cardiorrespiratoria
— O programa de formación RCP na Aula, desenvolvido polas Consellerías de Sanidade e de Educación desde o ano 2001, xa contou coa participación de máis de 100.000 escolares
— Galicia dispón da maior ratio de desfibriladores semiautomáticos externos de España, 140 por 100.000 habitantes
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026.- Galicia e o Norte de Portugal reforzaron a súa cooperación transfronteiriza na atención ás emerxencias coa formación de 150 estudantes, principalmente procedentes de centros educativos de Chaves e de Verín, co obxectivo de proporcionarlles os coñecementos e habilidades necesarios para recoñecer unha parada cardiorrespiratoria e actuar de forma rápida e eficaz ata a chegada dos servizos de emerxencias.
Esta acción formativa, desenvolvida con motivo do Día mundial da parada cardíaca, que se conmemora hoxe, 16 de outubro, contou coa representación galega do xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, do director xeral de Relacións Exteriores e da Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, e do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.
Deste xeito, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa-Alto Támega realizaron un adestramento masivo na cidade portuguesa de Chaves.
Demóstrase, así, a importancia da colaboración entre ambos os territorios, a través do Proxecto Integrasaúde, e da formación da cidadanía para mellorar a supervivencia no caso de presenciar unha parada cardiorrespiratoria (PCR).
Recoñecemento dos síntomas
Os síntomas máis frecuentes da dor de orixe cardíaca son as molestias de aparición brusca, con sensación de opresión, que se localizan na zona central ou esquerda do tórax.
A dor pode estenderse cara ás costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula, e case nunca varía cos cambios de postura nin coa palpación. En ocasións, acompáñase de suor frío, palidez, náuseas, vómitos, mareos e pode provocar dificultade para respirar.
No caso de sufrir os síntomas descritos, débese manter a calma, afrouxar a roupa e permanecer sentado ou recostado. A chamada ao teléfono 061, nestas circunstancias, resulta vital.
Mentres o paciente é atendido por un médico coordinador, especialista en atención telefónica ás urxencias e ás emerxencias, os recursos asistenciais son mobilizados ata o lugar no que se atope para a aplicación dun desfribrilador, nos casos axeitados.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Máis de 100.000 escolares formados en RCP
Nos últimos anos, a Xunta, a través da Consellería de Sanidade, vén apostando por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias.
Un exemplo disto é o programa de formación en reanimación cardiopulmonar RCP na Aula, desenvolvido desde o ano 2001 pola Consellería de Sanidade, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, en colaboración coa Consellería de Educación en centros educativos e que xa formou máis de 100.000 escolares galegos.
Ademais, a comunidade galega conta con máis de 3.700 desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) dados de alta, que poden ser utilizados en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos profesionais do 061.
Así, con 140 desfibriladores semiautomáticos externos por 100.000 habitantes, Galicia sitúase á cabeza de España en dispoñibilidade destes equipos por persoa.
Cómpre lembrar que a maioría das mortes evitables ocorren fóra dos centros hospitalarios, polo que, as únicas medidas que aumentan a supervivencia e minimizan as posibles secuelas, son a masaxe cardíaca e a desfibrilación precoz.
Ambas as dúas, xunto coa activación inmediata do sistema de emerxencias a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, constitúen parte fundamental da cadea de supervivencia.

















