Antonio Estévez, portavoz e secretario local dos socialistas, critica a actitude do rexedor e esixe unha rectificación pública e unha desculpa polos seus comentarios.
O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz condena e lamenta profundamente os comentarios publicados polo alcalde nas redes sociais, nos que insulta e ridiculiza a outras persoas en lugar de ofrecer o respecto e a exemplaridade que debe esixirse a calquera representante público.
Ademais, o alcalde referiuse ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, afirmando que «esa cabra ten máis sentido común ca o señor que temos de presidente», en relación coa cabra da Lexión que desfilou o 12 de outubro. Desde o PSdeG-PSOE consideran que o insulto e a descualificación persoal non deberían ter cabida no debate público, con independencia de quen sexa o destinatario.
Antonio Estévez, portavoz e secretario local do PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz, criticou duramente esta actitude e reclamou responsabilidade ao rexedor. “Un alcalde debe estar á altura do cargo que representa. Non se pode esixir respecto á veciñanza e, ao mesmo tempo, recorrer aos insultos e ás burlas nas redes sociais. Paderne merece un alcalde que dea exemplo e non vergoña”, sinala.
Estévez tamén cuestionou a resposta do alcalde sobre ter que facer de “piloto de rally” para chegar a votar. “Burlarse das dificultades que sofre a veciñanza para desprazarse non resolve ningún problema. Os veciños e veciñas non necesitan chanzas nin promesas de última hora para conseguir votos, senón estradas en condicións, servizos públicos dignos e solucións durante todo o mandato”, engadiu.
Desde o PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz consideramos especialmente preocupante que, mentres persisten demandas veciñais sen atender e deficiencias nos servizos municipais, o alcalde dedique parte da súa actividade pública á confrontación nas redes sociais en lugar de centrar os seus esforzos en ofrecer respostas á cidadanía.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Paderne non merece insultos nin burlas. Merece traballo, respecto e solucións. Os votos non dan dereito a faltar ao respecto a ninguén, e moito menos cando se representa a todo un municipio”, subliña o portavoz socialista.
Por todo iso, desde o PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz esiximos ao alcalde unha rectificación pública e unha desculpa polo seu comportamento, e reclamamos que abandone esta actitude e actúe co respecto e a educación que debe caracterizar a calquera representante institucional.
















