O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que os orzamentos da Xunta para 2027 volven deixar a provincia nun segundo plano

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 22 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denunciou que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 “volven fallarlle” á provincia, ao considerar que son unhas contas de “corta e pega”, con promesas repetidas, investimentos insuficientes e necesidades fundamentais sen resposta. Así o sinalaron a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta, o secretario provincial Álvaro Vila Araujo e a secretaria local na cidade de Ourense, Natalia González Beneitez, nunha rolda de prensa.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Segundo a formación, as contas do Goberno de Alfonso Rueda non responden aos problemas reais do territorio e manteñen pendentes actuacións en sanidade, comunicacións, transporte público, educación, deporte, vivenda e desenvolvemento industrial. O PSdeG-PSOE reclama unha aposta decidida pola provincia e polos territorios do interior de Galicia, e advirte de que non basta con anunciar partidas: é necesario que os investimentos se executen.

Carmen Rodríguez Dacosta: carencias territoriais e sanitarias

A deputada autonómica puxo o foco na insuficiencia dos investimentos territorializados e na ausencia dunha política de desenvolvemento para as comarcas ourensás. Segundo a análise socialista das partidas individualizadas, non se identifican actuacións municipais individualizadas na Limia, Viana, Terra de Trives nin Terra de Caldelas, mentres que noutras comarcas as partidas son puntuais e insuficientes.

Rodríguez Dacosta defendeu que os investimentos públicos deben responder ás necesidades da veciñanza “non á cor política de quen goberne cada concello”. Tamén advertiu de carencias sanitarias en Valdeorras e Verín, onde se reclaman profesionais, cobertura de vacantes, reforzo de especialidades e unha atención digna. En infraestruturas, denunciou que a Xunta segue sen ofrecer unha solución integral para a OU-540 e que non se resolveu a prolongación da autovía ata a fronteira portuguesa. Ademais, reclamou actuacións concretas para recuperar os territorios afectados polos incendios de 2025.

Álvaro Vila: falta de aposta industrial e de mobilidade

O secretario provincial incidiu en que o problema non é só que as partidas sexan insuficientes, senón que os investimentos previstos non sempre se executan. Vila afirmou que “ou se aposta pola provincia de Ourense ou non se aposta pola provincia de Ourense” e puxo como exemplo a necesidade de conexión viaria dos polígonos industriais coa A-52/A-76, mentres a Xunta non dá resposta.

Así mesmo, denunciou a falta dun proxecto estratéxico de desenvolvemento industrial para Ourense, a pesar do potencial de espazos como Paderne e Val da Rabeda —arredor dun millón de metros cadrados en cada ámbito, segundo os datos expostos— e da situación pendente de Taboadela. Para o PSdeG-PSOE, Ourense segue sendo “a cincenta da Xunta de Galicia” e precisa unha discriminación positiva para corrixir desequilibrios e crear emprego.

Natalia González: menos investimentos na cidade e promesas repetidas

A secretaria local centrou a súa intervención na cidade de Ourense. Segundo a análise das partidas individualizadas, os investimentos pasan de 45,8 millóns de euros en 2026 a 33,4 millóns en 2027, unha redución de 12,4 millóns, arredor dun 27 % menos. González subliñou que esta comparación se refire aos investimentos examinados e non á totalidade do gasto autonómico en Ourense.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Denunciou que proxectos como o edificio administrativo da Xunta se repiten nos orzamentos sen comezar a construción, e que os fondos para obras e equipamento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense caen de 35,6 millóns en 2026 a 24,3 millóns en 2027, máis de 11 millóns menos. Lembrou tamén necesidades históricas da cidade: centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa, reforma integral do CEIP Manuel Luís Acuña, actuacións deportivas no pavillón de ximnasia e no estadio do Couto, termalismo e transporte metropolitano. En vivenda, reclamou aclarar a continuidade da promoción da rúa Vinteún e solucións para as familias afectadas polo desenvolvemento Escorial-O Vinteún.

Emendas aos orzamentos

O PSdeG-PSOE de Ourense anunciou que presentará emendas aos orzamentos da Xunta para 2027 para incorporar actuacións e investimentos que respondan ás necesidades reais da provincia e da capital. A formación insiste en que Ourense precisa unha discriminación positiva que compense os desequilibrios territoriais e ofreza oportunidades para vivir, traballar e desenvolver proxectos empresariais no interior de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------