VOX presentou unha querella ante a Sección de Instrución do Tribunal de Instancia da Coruña contra o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Vázquez, e contra os responsables da contramanifestación convocada por Galiza Nova o pasado 21 de outubro na praza de María Pita, coincidindo co acto que a formación celebrara no mesmo lugar.
Segundo recolle a querella, VOX comunicara o seu acto á Subdelegación do Goberno o 16 de outubro, mentres que Galiza Nova comunicou a súa concentración o 17 de outubro para as 11:30 horas, media hora antes do acto de VOX, previsto para as 12:00. A formación asegura que denunciou esta convocatoria ante a Junta Electoral Provincial e a Subdelegación o 20 de outubro, advertindo do risco de incidentes, pero que a Delegación non prohibiu a concentración nin propuxo cambiar a súa hora ou lugar.
A querella imputa ao delegado do Goberno un presunto delito electoral, un delito contra os dereitos cívicos por comisión por omisión e un delito de prevaricación administrativa. Contra os promotores e responsables da contramanifestación, VOX sinala presuntos delitos de incitación ao odio, impedimento ou perturbación violenta dunha reunión lícita, atentado contra axentes da autoridade, desordes públicas, lesións e danos, con agravante de discriminación por motivos ideolóxicos. A acción tamén se dirixe contra Galiza Nova como persoa xurídica por un presunto delito de odio.
Nos feitos descritos na querella sinálase que durante o acto se produciron gritos, insultos, lanzamento de balizas, adoquíns e outros obxectos, así como danos materiais. A propia Delegación do Goberno recoñeceu, segundo o escrito, que doce axentes da Policía Nacional sufriron contusións, e dúas persoas foron detidas por desordes públicas. A querella tamén menciona unha xornalista ferida por unha pedra e danos no mobiliario urbano e en establecementos de hostalaría.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O escrito foi presentado por vía LexNET o 22 de outubro de 2026 e diríxese ao órgano penal da Coruña baixo o asunto “Prevaricación administrativa”. Nel solicítanse dilixencias como a remisión do expediente completo da Delegación e Subdelegación do Goberno, o plan do dispositivo policial, as gravacións de videovixilancia, os partes de lesións e a declaración como investigado de Pedro Blanco Vázquez, entre outras actuacións.
Esta nota recolle as alegacións contidas na querella e na información difundida por VOX; os feitos quedan pendentes da instrución xudicial.

















