Premiados na XV edición do Galardón da Arenteira

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Xurado desta XV edición do Galardón da Arenteira, reunido no Carballiño o día 21 deste presente mes de outubro, acordou outorgar os correspondentes nos apartados de Cultura e Investigación, Deporte e Póstumo as seguintes persoas e entidades das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro:

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

APARTADO DE CULTURA E INVESTIGACIÓN

-ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA O POTIÑOS.

O Xurado valora a esta veterana e consagrada asociación nacida no Carballiño no ano 1985 por iniciativa de varios afeccionados á fotografía que dende esa data leva realizado numerosas actividades de difusión, estudo, exhibición e publicación do rico patrimonio fotográfico histórico destas dúas comarcas, así como unha abondosa achega de documentos captados no presente pola súa xeografía dende diversos aspectos: xeográficos, paisaxísticos, humanos, etnográficos, artísticos, etc., logrando captar para este mundo da imaxe no que vivimos a un importante elenco de novos e afeccionados amantes desta nobre arte da fotografía. A súa constante acción ten moita repercusión a nivel local e galego que queda reflectida nos seus consagrados Outonos fotográficos que, ano a ano, convidan ós afeccionados á visitar masivamente esta actividade e outras, caso dos importantes monográficos dedicados a recoller o seu cotián -e desinteresado facer-e do material recollido pola contorna. Participa, ademais, en numerosos certames que se realizan ó longo da xeografía galega e do norte de Portugal.

APARTADO DE DEPORTE

-BALONMÁN RIBEIRO

O Xurado entende que este afamado e xa verterano equipo de balonmán nacido na capital do Ribeiro no ano 1988 é un referente pola súa traxectoria no deporte galego. Co andar do tempo, converteuse nun modelo relativo á formación nesta disciplina entre os deportistas

que inician a súa actividade neste club dende moi cativos, fomentando os valores do mundo do deporte baseados no compañeirismo, a solidariedade, o compromiso e tendo o enorme mérito de teren mantido ademais un equipo na elite desta modalidade nas categorías nacionais, militando na 1ª División. No seu organigrama deportivo, destacan os 10 equipos que conforman a súa estrutura competitiva e que fan deste club un modelo organizativo e de convivencia entre nenos e maiores e, tamén, un equipo con presente e futuro malia ás súas carencias orzamentarias que é quen de contar cun elenco de preto de 200 practicantes.

APARTADO PÓSTUMO

-D. EMILIO NOGUEIRA FARIÑAS

No caso deste galardón, este Xurado toma en consideración o seu outorgamento a este home recentemente falecido en Bos Aires, natural de Cangues (O Irixo) pola súa constante implicación no mundo cultural, empresarial e humano como Presidente do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires. Coma no caso de outros moitos galegos da súa xeración tivo que deixar a súa terra para buscar novos horizontes vitais. Emigrante, empresario e membro -e logo presidente- durante moitos anos do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, foi promotor durante o seu mandato de moitas iniciativas culturais e sociais co colectivo de emigrados. Preocupado sempre por cada un dos membros desa entidade e sabedor da situación socio económica dos mesmos, fixo o posible por atender as carencias e necesidades da colectividade. Cada ano, volvía ás súas orixes e sempre tivo no seu matín o lugar onde nacera e saíra, á súa familia e ós seus amigos. Xeneroso, cumpridor e home sinxelo e tolerante, gañou a confianza e o cariño dos seus paisanos galegos e da sociedade arxentina como quedou patente no Centenario Centro carballiñés na capital bonaerense no ano 2018.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------