A segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga terá lugar no Carballiño do 25 ao 28 de novembro e achegará ao gran público unha escolma das mellores propostas audiovisuais chegadas de diferentes puntos da xeografía mundial. Na xornada inaugural, prevista para o día 25, a organización do evento fará unha chiscadela ao 50º aniversario da estrea do filme “Taxi driver”, un dos clásicos do cinema, cunha proxección especial no Auditorio Manuel María, ás 20,30 horas, e que contará ademais con música en vivo a cargo dun cuarteto de jazz, integrado por Sander Ulloa, Abraham Santiago, Luis Vivas e Loren Tabarés. As entradas para asistir ao acto están xa á venda en xociviga.com, aínda que tamén se poden adquirir en taquilla nese mesmo día.
O avance destas Xociviga foi presentada esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o codirector do evento, Mario Filloy. O edil salientou “a moi boa afluencia de espectadores nas pasadas edicións, e por elo facemos un chamamento para que a xente se achegue ao Auditorio”. Asemade, agradeceu aos organizadores “a liña de traballo que veñen desenvolvento e que tamén implica ao alumnado dos centros de ensino da nosa vila”.
Pola súa banda, Mario Filloy anunciou que, con motivo das Eleccións Xerais, esta edición das Xociviga verá recortado un día na súa celebración, estendéndose do mércores 25 ao sábado 28 de novembro, e que próximamente se dará a coñecer o resto da programación.

















