A Universidade de Vigo achégase á historia, á paisaxe e á memoria da Lagoa de Antela a través do seu Programa Universitario para Maiores

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Participantes na materia Diversidade paisaxística e cultural visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela nunha saída didáctica

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Universidade de Vigo desenvolve no campus de Ourense o Programa Universitario para Maiores, no que participan persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos en diferentes ámbitos. Preto de vinte alumnos e alumnas da materia Diversidade paisaxística e cultural, acompañados pola profesora Ana Cebreiros, visitaron o pasado martes 27 de outubro o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, nunha saída didáctica destinada a coñecer a historia, a evolución paisaxística e os valores naturais e culturais deste emblemático humidal da comarca da Limia.

Un guiño ao xeógrafo Otero Pedrayo no seu ano oteriano

A visita comezou coa presentación da lámina número 11 da carta xeométrica de Galicia, elaborada por Domingo Fontán, na que aparece cartografada a Lagoa de Antela. Trátase do mapa de Galicia que o xeógrafo Ramón Otero Pedrayo tiña na súa casa grande de Trasalva, en Amoeiro.

Para Otero Pedrayo, o mapa funcionaba como unha ferramenta científica e poética. Ao contemplar as súas liñas, o espectador non vía unicamente curvas de nivel, senón tamén a historia, os camiños, as lendas e a paisaxe do territorio representado, neste caso, o da Limia. O mapa convertíase así nun instrumento de educación sentimental, que permitía coñecer e aprender a amar a propia terra.

Visionado do audiovisual sobre a Lagoa de Antela

A intensa visita, que se desenvolveu entre as 16.30 e as 18.00 horas, comezou co visionado dun audiovisual que serviu de introdución aos diferentes aspectos do humidal natural da Lagoa de Antela.

A través de reproducións cartográficas e imaxes históricas, os participantes afondaron no coñecemento da lagoa e dos proxectos que se formularon para a súa desecación. Abordáronse aspectos xerais, como as súas dimensións, e analizáronse diversas fotografías históricas, o uso das barcas e os diferentes intentos de desaugamento.

Neste apartado fíxose unha breve referencia a diversas lendas e contos, entre eles o da cidade de Antioquía. Tras unha aproximación ao folclore, á etnografía e ás economías tradicionais desaparecidas da lagoa —como o comercio de ras, sambesugas, ovos e peixes—, a visita concluíu este bloque cunha introdución á xeografía cultural aplicada á Lagoa de Antela e unha reflexión xeral sobre a toponimia.

Exposición dos tres procesos de modificación da paisaxe da conca da Limia

A continuación, analizáronse polo miúdo os tres procesos fundamentais que explican a transformación da conca da Limia e os profundos cambios experimentados pola súa paisaxe e polos usos do territorio.

O primeiro foi o proceso natural, desenvolvido ao longo de millóns de anos, que deu lugar á localización da Lagoa de Antela na parte occidental da chaira. O segundo centrouse na desecación da lagoa e o terceiro, no proceso de concentración parcelaria, que modificou a paisaxe agraria tradicional da zona.

No relativo á desecación, repasáronse os distintos intentos de desaugamento da lagoa e analizouse polo miúdo o proceso impulsado durante o franquismo, na etapa do desenvolvementismo económico. Examináronse tanto as consecuencias desta intervención como as deficiencias no seu plantexamento. Pola súa banda, o estudo da concentración parcelaria permitiu abordar as transformacións territoriais derivadas deste proceso e as súas consecuencias sobre a paisaxe tradicional da Limia.

Para completar a explicación, presentáronse varios exemplos de proxectos de restauración ambiental: o Humidal Antonio Vilariño, na Veiga de Vilaseca, e o proxecto da Veiga de Gomareite. Ambos constitúen exemplos de biodiversidade vinculados á Lagoa de Antela, onde destacan diferentes especies de aves e flora endémica, así como o labor de voluntariado da Sociedade Galega de Historia Natural.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Unha visita que deixa abertas as portas a novos encontros

Pola intensidade da xornada e pola limitación do tempo dispoñible, non foi posible visitar o resto da Casa da Lagoa nin afondar noutros temas de interese, como o pobo dos limicos, as economías tradicionais desaparecidas da lagoa, diferentes aspectos etnográficos ou a xeografía mítica, coas súas lendas e tradicións.

Desde a Casa da Lagoa valorouse moi positivamente esta segunda visita do alumnado do Programa Universitario para Maiores da Universidade de Vigo, así como o interese amosado polos participantes ao longo da actividade. Agradecemos a súa visita e agardamos que a experiencia resultase proveitosa. As portas da Casa da Lagoa permanecen abertas para futuras ocasións, coa vontade de seguir compartindo coñecementos sobre un territorio cuxa historia, paisaxe, biodiversidade e patrimonio cultural ofrecen moito máis que descubrir.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------