Laura Novelle ( O Carballiño). Profesora de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, escritora e divulgadora. Responsable do blog Docendo Discitur: https://docendodiscitur.blog/


É habitual ler nos medios o moito que a pandemia nos leva cambiado a vida. Mais alá da obviedade, creo que xa pasou tempo abondo para reflexionar sobre outras cuestións que tamén deberían mudar se queremos vivir nun sistema máis xusto, igualitario e sostíbel no tempo. A seguir propoño tres aspectos que, ao meu ver, gañaron relevancia fundamental coa Covid-19 e que urxe abordar canto antes.

Situar no centro o investimento en ciencia

A situación da ciencia española é moito máis que dramática desde hai anos. Un dato: a UE fixou como obxectivo de investimento o 3% para 2020 en cada país, pero en España non chega ao 1,3%. O recorte acumulado neste eido acada o 30%. Reverter a situación actual precisa dunha importante e planificada inxección económica, pero tamén dun marco estabelece e blindado que faga da ciencia e do I+D+i un eixo estratéxico. Desde que se puxeron en marcha os primeiros ensaios de posíbeis vacinas contra o coronavirus, cobraron importancia no día a día palabras como proba, test, validación, efectividade, análise… De súpeto, a ciencia deixou de ser algo que só existía nos laboratorios para tomar carta de natureza: a ciencia salva vidas e contribúe decisivamente a eliminar riscos para a saúde das persoas. O recente caso de erradicación absoluta da poliomielite mediante vacinación en África é outra proba máis. Agora que á fin somos conscientes de como funciona o método científico, cales son as súas fases e por que resulta arriscado buscar atallos fáciles, non podemos deixar que isto sexan flores dun día. Detrás da Covid-19 hai outras moitas ameazas que necesitan estudo e financiación.

O teletraballo veu para quedar

Levo teletraballando máis de tres anos, polo que o confinamento estrito non supuxo cambios nas miñas rutinas. Esixe moita organización, disciplina e resistencia ao estrés. As persoas que traballamos desde a casa sufrimos e gozamos dunha serie de condicionantes que millóns de persoas experimentaron por vez primeira na primavera de 2020. Ademais dos desafíos para a conectividade (nunca tantas persoas no mundo fixeran un uso tan intenso e continuado das redes de voz e datos), o traballo en remoto abre unha serie de interrogantes: Quen paga os consumíbeis precisos? Están os fogares preparados para converterse tamén en oficinas? Onde se estabelece o límite entre a vida laboral e a persoal? É licito que se impoña unha dispoñibilidade total baixo unha suposta flexibilidade? Amais, a parte escura de traballar no propio domicilio deixa ameazas en forma de problemas físicos por sedentarismo, trastornos alimentarios, alteracións na saúde mental derivadas da falta de socialización e meirande risco de adiccións (xogo online, consumo solitario de substancias). O teletraballo require un marco legal claro, pero tamén unha contorna que protexa as persoas traballadoras de posíbeis abusos ou perda de dereitos laborais. Non pode ser unha escusa para alimentar a precariedade.

Para deseñar o que precisamos e o que queremos urxe abordar canto antes cuestións que gañaron relevancia coa pandemia da Covid

Coidar (ben) os colectivos vulnerábeis

Os menores, as persoas anciás e as persoas en risco de exclusión son, de novo, as que máis están a sufrir esta pandemia. Esta, e todas as situacións complicadas que no mundo teñen sido. Eles e elas, os historicamente non visíbeis, os oprimidos, levan a peor parte. As persoas de máis de 65 anos supoñen arredor do 70% dos total de falecidos pola Covid-19 en España. Reforzar os sistemas públicos de saúde e conectalos convenientemente co sistema de ciencia do que falei no punto 1 resulta fundamental. A dimensión social de calquera problema colectivo ten que estar no centro das decisións. O discurso neoliberal imperante vai no sentido contrario, disfrazando de eficiencia o que non é máis ca unha vulgar privatización. Hoxe, máis ca nunca, ciencia, educación e saúde, deben camiñar da man.

Penso que as cuestións aquí expostas son os suficientemente complexas como para darlle unha volta ao que temos. É o paso previo para deseñar o que precisamos e o que queremos.

Artigo publicado en Nós Diario