Co Nadal cada vez máis preto, dende o Centro Sociocomunitario do Carballiño programan dous obradoiros creativos para preparar estas festas elaborando decoración e detalles feitos a man. O primeiro será un obradoiro de punch needle, impartido por Lucía, de Enfía Costura, no que as participantes aprenderán esta técnica téxtil e elaborarán un adorno artesanal de Nadal. Desenvolverase os luns, en horario de mañá, entre novembro e decembro.
A segunda proposta será un obradoiro de elaboración de xabóns de Nadal, impartido por María Fra, de Debagar. Terá lugar os dous primeiros mércores de decembro, en horario de tarde, e cada participante elaborará e levará para a casa tres xabóns feitos por ela mesma, perfectos para regalar nestas datas.
Ambas as actividades requiren inscrición previa. A achega será de 20 euros para o obradoiro de punch needle, en concepto de matrícula e material, e de 10 euros para o de xabóns. O Centro Sociocomunitario asume a maior parte do custo real de ambos os obradoiros, polo que as participantes só achegan unha pequena parte do importe total.
A inscrición para o obradoiro de punch needle abrirase mañá, xoves día 29, pola mañá, e a do obradoiro de xabóns, o venres 13 de novembro. Dúas propostas para vivir a chegada do Nadal dun xeito creativo, compartindo tempo, aprendizaxes e ilusión por estas festas.

















