A Corporación Municipal do Carballiño aprobou hoxe en sesión plenaria dúas modificacións de crédito por valor superior aos 610.000 euros, cantidade que irá destinada a mellora de infraestruturas e festexos; previstos de gastos de indemnización en licencias e concesións e, finalmente, de apoio ao comercio local. O pleno, ao que asistiron 15 concelleiros e concelleiras, gardou un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo.
O primeiro punto de debate foi unha modificación de crédito de 30.000 euros para poñer en marcha a campaña de Nadal do comercio local. Trátase do primeiro paso necesario para lanzar un ano máis, despois do éxito da pasada edición, o bono comercio, unha medida que dinamiza o comercio local do Carballiño e favorece as compras en negocios de proximidade. En 2025, repartíronse 1.000 bonos entre a veciñanza, que puido gastalos nos seus comercios favoritos da vila. A campaña elabórase coa colaboración entre a Concellería de Comercio e a Asociación Centro Comercial Aberto O Carballiño (CCA). O correspondente expediente foi aprobado por unanimidade.
Sen embargo, o voto unánime rachou na segunda proposta de modificación orzamentaria, dun montante de 580.503 euros, destinado á mellora de vías, mantemento de xardíns, apoio aos festexos populares, saldar débedas coa antiga empresa de recadación e facer fronte, de confirmarse, a unha posible reclamación patrimonial.
O alcalde en funcións, José Castro-Gil, deu conta da importancia de mobilizar este crédito, que permitirá levar a cabo “proxectos que non se poden demorar”, como é o caso da reposición de vías públicas da vila ou dos traballos necesarios para manter en condicións adecuadas as zonas verdes, como as podas e desbroces. Deste xeito, a modificación inclúe 208.000 euros destinados a seguridade viaria (renovación e mellora de vías públicas), 20.000 euros dirixidos a mantemento de xardíns ou 21.000 euros a festexos populares. O expediente só contou co voto favorable dos nove edís do goberno municipal e en contra dos cinco de Espazo Común, e a abstención da concelleira non adscrita, Sofía García.
A Corporación amosou a súa unanimidade en varios puntos propostos por Sofía García nunha moción sobre a necesidade de melloras nos servizos e nas infraestruturas actuais de transporte de autobús e tren. Así, acordouse dirixirse a Xunta e Adif para solicitar un incremento das frecuencias e coordenación de horarios no transporte a Ourense, sí como manter negociacións con ambos organismos.
Espazo Común retiraba da orde do día, por falta de informes, unha moción relativa á aclarar as medidas de prevención e os incidentes ocurridos na festa da mocidade celebrada nas Barcias na xornada da Festa do Pulpo, e finalmente debatíase outra na que se solicitaba a implicación do Concello, ao traverso dunha comisión representativa das entidades do municipio, na programación do Ano Xubilar do Templo da Veracruz que comezará o vindeiro sábado, a fin de contribuir con actividades de promoción do Carballiño.
José Castro-Gil apuntou. por parte do Partido Popular, que a organización correspondía a Parroquia de San Cibrao: “Nós podemos axudar, pero eles son os verdadeiros protagonistas”. Pola súa banda, Alberto Otero, concelleiro do PSdeG-PSOE, manifestou que “esta moción nin a entendo nin a comparto, porque significa transformar un acto relixioso nun acto político”. O edil socialista loubou o traballo levado a cabo polo párroco, Jorge Juan Pérez, “que foi capaz de dirixirse a Diócese de Ourense e ao Vaticano, ademais de conquerir melloras para A Veracruz, como a dotación dun novo órgano de tubos”.
O voceiro de Espazo Común lamentou a postura dos dous grupos do goberno local, “porque a Semana Santa e o Xacobeo tamén son festas relixiosas e hai implicación do Concello e da Xunta, a nosa moción é construtiva e non interfire para nada coa organización do Ano Xubilar. A moción foi rexeitada e contou co apoio dos propoñentes e de Sofía García, se ben ésta defendeu o carácter aconfesional do Estado.

















