Presas chama a confiar no BNG para sacar a Ourense do “vagón de cola” e facer historia tendo por primeira vez representación por esta circunscrición
Santiago, 6 novembro 2026-. A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación da candidatura do BNG ao Congreso e ao Senado por Ourense nas próximas eleccións xerais do 29N, no que afirmou que “Ourense merece ter en Madrid unha voz forte e libre que defenda os seus intereses e a súa xente”.
“Fronte a esa procesión dos caladiños do bipartidismo, esa voz forte, libre e poderosa vai ser a voz do BNG representada por Noa Presas”, augurou en referencia á cabeza de lista ao Congreso, da que afirmou revolucionará a Cámara Baixa a favor dos ourensás e as ourensás.
Pontón amosou o seu convencemento de que Ourense fará historia o 29N cunha deputada que a defenda porque, alegou, “hai moitísimas persoas que están cansas deses representantes do bipartidismo que, en moitas ocasións, dan vergonza allea polos seus comportamentos” e que, recalcou, “en todo caso están en Madrid defendendo os intereses das súas direccións estatais e non poñendo por diante os de Ourense, de Galiza e da xente deste País”.
Por iso, incidiu, o próximo 29N pódese deixar atrás a procesión dos caladiños e Ourense pode ter unha voz libre e forte que defensa os seus intereses a través do BNG.
“Ese é o reto e, para iso, a alternativa é o BNG, unir no BNG o apoio de todas as persoas que queren políticas diferentes, que queren que este País non quede atrás, que están fartas de ver como Ourense é a última da cola e que reclaman o dereito a poder gañar unha vida digna e darlle un futuro digno á mocidade, en Galiza e en Ourense”, sintetizou.
A portavoz nacional explicou que o Bloque é tamén unha garantía na defensa dos dereitos e dunha vida digna para as maiorías sociais e, por iso, apelou a xuntar no BNG o voto de todas aquelas persoas que queren unha sociedade máis igualitaria.
Unir no BNG, afondou, todo o voto que reclama dereitos e vida digna, que quere a Galiza e quere que se faga valer e respectar e tamén a todas as persoas “que están fartas desas políticas que irradia Madrid e que necesitan unha alternativa na que crer e na que ilusionarse”.
A líder nacionalista recalcou neste punto que estas eleccións son transcendentais e Galiza precisa ter máis forza da man do BNG onde se toman as decisións que lle afectan porque na política estatal “os recursos distribúense en función do peso político ou do peso demográfico.
“Galiza non ten peso demográfico en relación a outras partes do Estado, pero si podemos ter peso político que lle dea a este País unha forza coas mans libres como é o BNG para defender, ante todo e ante todos, os intereses dos galegos e das galegas e para que ninguén quede atrás”.
Por iso, incidiu en que nesta eleccións xerais máis BNG implica “máis forza para resolver os problemas estruturais do País, para defender máis investimentos, lograr máis competencias e conseguir mellorar a vida dos galegos e das galegas”, impulsando unha axenda galega na que Ourense teña un lugar destacado xa que leva décadas de abandono e de políticas bipartidistas que “a discriminan e a están deixando atrás”.
“Isto é o que queremos defender o próximo 29N e, para iso, hai que unir no BNG o apoio de toda a xente que lle quere a Galiza, que leva este País na cabeza e no seu corazón, para facernos valer e para facernos respectar”, subliñou.
Pontón lanzou unha última reflexión na súa intervención: “Non é momento de ir ás urnas nin con medo, nin pola política do mal menor, senón de ir con ilusión, con ganas de apostar polo voto no que cres, no que confías e no que pode facer que este país se faga respectar e a alternativa é o BNG”, apelou.
Neste sentido, recordou que o “voto útil” é aquel que te defende e que te representa, e non o que, unha vez que pasan as eleccións, esquécense da xente de Ourense e de Galiza, que é o que lamentablemente pasa.
“Polo tanto, se unimos todo o voto inconformista e rebelde, todo o que quere políticas avanzadas e que quere que Ourense e Galiza progresen e teñan peso política para facerse valer na papeleta do BNG, o próximo 29N teremos motivos para sorrir en Ourense e no conxunto do País”, concluíu.
Pola súa parte, Noa Presas afirmou que “Ourense non pode agardar eternamente”, denunciando os atrasos históricos que acumula en infraestruturas e servizos públicos, mentres as forzas políticas estatais manteñen Ourense nunha situación de abandono.
A candidata nacionalista puxo como exemplo a espera pola variante norte, o desdobramento da N-120, a conexión por autovía con Lugo, a mellora da N-540 ou unhas conexións ferroviarias dignas. “Ourense sempre agardando”, resume, evidenciando que “co bipartidismo de sempre Ourense está no vagón de cola”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Fronte a esta situación, Presas reivindicou o traballo do BNG nas Cortes do Estado, que permitiu conseguir avances como as bonificacións da AP-53, a mellora da vía de Ourense a Lugo ou a suba das pensións mínimas e non contributivas, e defendeu a necesidade de incrementar a representación nacionalista, facendo historia e sacando por primeira vez representación por Ourense.
“A xente deste País sabe que o BNG é de fiar” asegurou, concluíndo cun chamamento a non conformarse co bipartidismo: “Aquí en Ourense hai outra opción, a do BNG e imos a por todas”.

















