Espazo Común Punxín advirte que o cese de Eladio Fernández deixa en minoría ao goberno do PP

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Espazo Común Punxín vén de emitir un comunicado de prensa sobre Eladio Fernández, concelleiro de Compromiso por Galicia (CxG) na Corporación Municipal, e que foi cesado polo alcalde, Manuel Vázquez, do Partido Popular, como tenente de alcalde e responsable da área de Obras.

“En primeiro lugar, dende a nosa formación política só podemos dicir que ‘por fin’ se toma unha decisión que era urxente e necesaria. Porén, resulta imposible non criticar a absoluta pasividade e inacción deste goberno municipal, que non se moveu en absoluto nin tomou medidas mentres asistíamos, día tras día, a unha ocorrencia tras outra por parte do Sr. Eladio”, manifestan dende Espazo Común Punxín.

Por outra banda, lembran que Eladio Fernández “formaba parte do goberno local e que este actúa como un órgano colexiado. Por este motivo, o resto do equipo de goberno é tan cómplice das súas decisións e ocorrencias coma o propio concelleiro cesado. Pretender marcar distancia agora non os exime da responsabilidade política de ter avalado e permitido esta situación durante todo este tempo”.

Así mesmo, destacan que “este cese non responde a un acto de responsabilidade ou autocrítica municipal, senón unicamente ás ordes recibidas dende ‘as esferas máis altas’. Ao Sr. Eladio parece que lle pasou coma a Ícaro: quixo voar tan alto que o sol acabou por derreterlle as ás”.

A saída de Eladio Fernández “engade aínda máis descontrol e inestabilidade, ao deixar ao equipo de goberno nunha situación de clara minoría. Ante este novo escenario, dende Espazo Común Punxín agardamos que o resto de formacións políticas do Concello non caian na trampa do oportunismo nin procuren pactos para volver formar goberno cunha personaxe tan nefasta para o desenvolvemento e o futuro de Punxín”.

Dende esta formación política de Punxín reiteran “o noso compromiso coa veciñanza para seguir esixindo seriedade, xestión responsable e transparencia na administración do noso Concello”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------