Finaliza a ‘XIX Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón’ coa actuación do grupo Achádego, de Lugo, este sábado 14 de novembro, ás 20,00 horas, no Auditorio Manuel María do Carballiño.
Esta representación, que inicialmente estaba programada para o 17 de outubro, tivo que adiarse porque o Auditorio estaba ocupado para a data inicialmente programada, por un erro de calendario.
A obra que presenta Achádego, “Novo amencer”, resalta como todas as persoas estamos un pouco perdidas, buscando algo ao que aferrarnos que lle dea sentido as nosas vidas. O problema é que hai moitas opcións e non sempre escollemos a axeitada. Esta montaxe é unha comedia que pon o foco nas falsas crenzas, nos líderes de barro, na inocencia e naqueles que se aproveitan dela para o seu propio beneficio. Unha divertida crítica distópica ambientada nunha comunidade moi peculiar na que non hai ninguén normal. Como na vida mesma.

















