O club Balonmán Ribeiro, a asociación O Potiños e, a título póstumo, Emilio Nogueira, protagonistas na gala dos ‘XV Premios Arenteira’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Auditorio Manuel María do Carballiño acolleu na noite de onte a celebración da gala dos ‘Premios Arenteira’, que acadaron a súa 15ª edición da man do Aparthotel Arenteiro e o Grupo Cer&Ber e que son froito dunha selección por parte dun xurado de expertos presidido polo historiador Xosé Luis Sobrado. Estes galardóns valoran as traxectorias de persoas e entidades nos eidos cultural e deportivo e tamén se recoñece o traballo de persoeiros que xa nos deixaron, todos eles vencellados ás comarcas do Carballiño e O Ribeiro.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ata o centro cultural da vila do Arenteiro achegáronse cargos públicos da Corporación Municipal do Carballiño e alcaldes e alcaldesas doutros concellos das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, como Boborás, San Cristovo de Cea, Leiro, A Arnoia, Ribadavia ou Castrelo de Miño, entre outros.

A gala de entrega destes ‘XV Premios Arenteira’ foi presentado pola xornalista carballiñesa Raquel Domínguez, da Televisión de Galicia (TVG) e contou coa amenización musical da pandereteira Merchi Rodríguez, de ‘Leilía’, e do grupo folcórico tradicional Tor.

Tra-los discursos de Uriel Bernárdez, xerente de Aparthotel Arenteiro, pasouse a dar lectura a acta do xurado e a unha exposición de propio Xosé Luis Sobrado sobre os criterios de selección das entidades e do persoeiro galardoados.

En primeiro lugar, o galardón en Deporte foi para o Club Deportivo Balonmán Ribeiro de Ribadavia, todo un referente pola súa traxectoria no deporte galego. Co andar do tempo, converteuse nun modelo relativo á formación nesta disciplina entre os deportistas que inician a súa actividade neste club dende moi cativos, fomentando os valores do mundo do deporte baseados no compañeirismo, a solidariedade, o compromiso e tendo o enorme mérito de teren mantido ademais un equipo na elite desta modalidade nas categorías nacionais, militando na 1ª División. No seu organigrama deportivo, destacan os 10 equipos que conforman a súa estrutura competitiva e que fan deste club un modelo organizativo e de convivencia entre nenos e maiores e, tamén, un equipo con presente e futuro malia ás súas carencias orzamentarias que é quen de contar cun elenco de preto de 200 practicantes.

O premio foi entregado por Claudio Mateo, da Escola Madokoan recoñecida na 14ª edición, ao presidente do club ribadaviense, Iván Reinaldo Vallejo.

O segundo premio, no eido de Cultura e Investigación, recaeu na Asociación Fotográfica O Potiños, valorando a esta veterano e consagrado colectivo nado na vila do Arenteiro no ano 1985 por iniciativa de varios afeccionados á fotografía, que leva realizado numerosas actividades de difusión, estudo, exhibición e publicación do rico patrimonio fotográfico histórico das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Tamén, unha abondosa achega de documentos captados no presente pola súa xeografía dende diversos aspectos: xeográficos, paisaxísticos, humanos, etnográficos, artísticos, etc., logrando captar para este mundo da imaxe no que vivimos a un importante elenco de novos e afeccionados amantes desta nobre arte da fotografía. Asemade, como promotores do ‘Arenteiro Fotográfico’, un evento xa consolidado e referente a nivel nacional.

En ausencia de Ernesto Romero, do Novocine de Leiro premiado o ano pasado, correspondeu a Emilia Castro, integrante do xurado, face-la entrega do galardón a Manuel Blanco Guerra, presidente do colectivo de fotógrafos.

Finalmente, no apartado de Título Póstumo, o xurado lembrou a Emilio Nogueira Fariñas, recentemente falecido en Bos Aires, natural de Cangues (O Irixo), pola súa constante implicación no mundo cultural, empresarial e humano como presidente do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires. Coma no caso de outros moitos galegos da súa xeración tivo que deixar a súa terra para buscar novos horizontes vitais. Preocupado sempre por cada un dos membros desa entidade e sabedor da situación socio económica dos mesmos, fixo o posible por atender as carencias e necesidades da colectividade.

En representación da súa viúva e fillas, Digna Martínez Nogueira recolleu o premio das mans de Xosé Luis Sobrado.

A gala rematou coa interpretación do Himno Galego por parte de tódolos asistentes, co acompañamento musical de Tor e Merchi Rodríguez.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------