Espazo Común defenderá no pleno de mañá unha alegación contra a última modificación de crédito do concello

A formación de Espazo Común defenderá no pleno de mañá venres unha alegación que presentaron contra a última modificación de crédito do concello. A formación considera que é un despilfarro, e déixao patente no comunicado que emiten ó respecto, que deixamos a continuación:

“O ano 2022 está a resultar negativamente histórico para a xestión do actual goberno do Carballiño capitaneado por un alcalde Fumega imbuído nunha desquiciada espiral de gasto sen sentido, sobre todo en festas e chapapote.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presente exercizo é, con moita diferencia, o de maior dispoñibilidade orzamentaria, chegando o montante total a superar amplamente os 15.000.000 €, sen ter en conta aínda nesa suma moitas das subvencións recibidas doutros organismos.

Todo isto despois de incorporar case 4.900.000 € do chamado remanente que non é outra cousa que o aforro municipal obtido ao longo dos últimos dez anos.

Dende Espazo Común sempre fomos partidarios de facer uso dunha parte deses fondos para desenvolver proxectos importantes para o futuro do noso pobo coma por exemplo: novas infraestruturas deportivas, Casa da Xuventude, termalismo ou obras coma a que imos defender na sesión plenaria deste venres, a ampliación do túnel dos Catro Camiños para gañar espazo público.

Sen embargo, Fumega optou por dilapidalo todo en obras que él mesmo tilda de electoralistas sen acometer unha soa actuación de relevancia.

Para evitar o saqueo completo das arcas de todos, Espazo Común presentou unha alegación que será tratada no pleno deste venres 2 de decembro ás 9:30 para frear a incorporación dos últimos 500.000 € con idéntica finalidade.

A base da mesma é o informe técnico no que se lle recomenda ao rexedor prudencia e que este ignora completamente na súa ansia por mercar vontades políticas a base de asfalto de cara ás eleccións de maio”.