Presas pon data de caducidade aos parches da N-120: “a 1ª acta do BNG por Ourense conseguirá a reforma integral”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sinala que Valdeorras “non pode seguir circulando a contracorrente” afirmando que “sacará do abandono a N-120”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Noa Presas avanza que Ourense fará historia este 29N conseguindo unha acta para o BNG e para que a voz das comarcas ourensás se escoite

Ourense, 13 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, reivindica a necesidade de poñer a Valdeorras no mapa con infraestruturas viarias seguras e competitivas que “só se conseguirán coa primeira acta nacionalista por esta circunscrición”. Neste sentido, Presas avanzou que a reforma integral da N-120 será cuestión fundamental que o BNG “porá enriba da mesa” e apela á hemeroteca para sinalar que as forzas estatais sempre se esqueceron desta comarca e as súas comunicacións.

“Queremos que Valdeorras deixe de aparecer nos mapas como unha comarca que sempre está esperando. Ten dereito a contar con boas comunicacións, seguras e competitivas, que permitan vertebrar o interior e responder as necesidades da veciñanza” afirma a candidata do BNG. Neste sentido, advertiu que as deficiencias nas comunicacións teñen consecuencias directas na vida cotiá, na actividade empresarial e na capacidade da comarca para atraer oportunidades.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Non pode haber, subliña Presas, territorios condenados a perder o tempo, oportunidades e calidade de vida por non contar coas infraestruturas que se precisan. “Non vimos aquí facer outra promesa. Vimos a poñer enriba da mesa dúas necesidades que Valdeorras leva demasiado tempo reclamando e que as forzas estatais, que tiveron representación no Congreso, sempre esqueceron” sinala.

“É a hora de que as comarcas de Ourense, a comezar por Valdeorras, sexan defendidas no Congreso por unha forza política que teña as mans libres para defender os seus intereses” afirma con contundencia a cabeza de lista do BNG, mentres afirma que “a primeira acta do BNG por Ourense conseguirá a reforma integral da N-120”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------