Asegura en Celanova que o BNG fará historia conseguindo un escano propio desde o que defender solucións reais aos problemas da xente
Das solucións para o encoro das Conchas ao recoñecemento o traballo dos colectivos memorialistas: compromisos do BNG para con Ourense
Ourense, 15 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun encontro coa veciñanza de Celanova onde chamou a deixar atrás a “longa noite de pedra” á que o bipartidismo estéril de PP e PSOE condenaron a Ourense e as súas comarcas e abrir un tempo novo de confianza, ambición e capacidade. Presas apelou á mobilización e ao voto no BNG “para conseguir que Ourense conte”, por primeira vez, cunha voz que defenda os seus intereses en Madrid.
Ademais de Noa Presas, no acto público do BNG, tamén participaron as candidatas, Laura Pérez e Noelia Currás, e o alcalde de Verea, Xosé Antonio Pérez Valado, no refectorio de Celanova.
“Ourense fará historia co primeiro escano nacionalista por Ourense. Un escano que non irá a Madrid a quentar unha cadeira e obedecer a Xénova ou a Ferraz, senón a defender os intereses das e dos ourensáns e a poñer enriba da mesa solucións reais aos problemas de Ourense” afirmou con contundencia durante a súa intervención.
Entre os problemas existentes, a candidata nacionalista referiuse á situación do encoro das Conchas, unha problemática ambiental e social que precisa de compromisos e actuacións por parte das diferentes administracións. “Precisamos unha voz que coñeza o territorio, que escoite a súa xente e poña a traballar as administracións responsábeis -Xunta, pero tamén ao Goberno do Estado- para que cheguen as solucións” sinalou.
Por outra parte, a cabeza de lista do BNG reivindicou a importancia da memoria democrática, especialmente nunha comarca cunha fonda pegada da represión franquista e puxo en valor o traballo dos colectivos memorialistas e das persoas que levan anos loitando por recuperar a verdade, dignificar as vítimas e reparar as súas familias.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Non hai democracia sen memoria, sen xustiza e sen reparación. Non podemos permitir que as vítimas e as súas familias continúen agardando nin o esquecemento se converta na resposta das institucións” defendeu.
Neste sentido, afirmou que o BNG defenderá a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 que “mantén impunes os crimes cometidos durante o réxime franquista” e impulsará a modificación da Lei de Memoria para garantir a tutela xudicial efectiva as vítimas e das súas familias.

















