Presas asegura que o 1º escano do BNG por Ourense servirá tamén para facer fronte á crise de prezos e aliviar os custos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Defende apostar polo BNG como garante de medidas valentes e eficaces para recuperar o poder adquisitivo das familias
  • “Vexo un PP moi nervioso porque o BNG vaille quitar o último escano. É unha oportunidade histórica que Ourense non vai desaproveitar” di

A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, sinalou o nerviosismo dun Partido Popular que ve perigar o seu terceiro escano pola circunscrición ante “un BNG que está a experimentar unha corrente de simpatía” e á alza. Presas aproveitou para chamar a veciñanza de Barbadás a confiar na súa formación sinalando que case 50 anos de bipartidismo estéril non trouxeron nada bo para esta parte do país e augura que Ourense fará historia este 29N co primeiro escano do BNG.

Durante o encontro coa veciñanza de Barbadás tamén participaron o actual portavoz municipal do BNG, Serafín Núñez, e a vindeira candidata do BNG á alcaldía, Mónica Valencia.

Fronte á crise de prezos: un BNG forte con medidas valentes

“Vexo un PP moi nervioso porque o BNG vaille quitar o último escano por Ourense. Estámolo disputando e temos nas nosas mans a posibilidade de conseguir por primeira vez representación do BNG no Congreso por Ourense. Un BNG que ten e terá as mans libres para defender os intereses das e dos ourensás fronte ao bipartidismo de sempre que non trouxo nada bo para esta parte do país” afirmou Presas.

A candidata defendeu que non é asumible que traballar, ter unha pensión ou desenvolver unha actividade económica non garanta chegar a fin de mes. Por iso, o BNG propón actuar directamente sobre os custos que máis están a castigar as economías familiares, cunha batería de medidas que inclúe a redución do IVE dos alimentos e das subministracións básicas, a limitación dos prezos dos produtos esenciais cando sexa necesario e unha maior vixilancia sobre as grandes empresas enerxéticas.

No ámbito enerxético, Presas reivindicou a Tarifa Eléctrica Galega e a rebaixa permanente do IVE da electricidade, o gas e outros combustibles de calefacción ao 5%, así como a redución do imposto especial sobre a electricidade do 5,1% ao 0,5%.

A cabeza de lista tamén puxo o foco na protección dos salarios e das pensións fronte á inflación, no acceso á vivenda mediante a limitación dos prezos dos alugueiros e no apoio ás persoas autónomas, ás PEMES e ao sector primario, con prezos xustos e unha fiscalidade máis progresiva.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“Non podemos normalizar que cada vez custe máis encher a neveira, pagar a factura da luz ou chegar a final de mes. Hai que tomar medidas para que o custo da crise non recaia sempre nas mesmas persoas: nas familias traballadoras, nas persoas pensionistas e nos pequenos negocios” defendeu.

Presas subliñou que o BNG aposta por unha política económica que poña no centro as maiorías sociais e permita que a riqueza que se xera en Galiza repercuta na calidade de vida da súa xente.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------